A Xunta convoca axudas para que 15 estudantes desenvolvan a súa tese doutoral contratados en empresas da comunidade

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abre o prazo, ata o 4 de novembro, para sumarse a cuarta edición do programa de Doutoramentos Industriais

Permite realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial orientada á resolución de necesidades ou problemas da empresa ou do centro de innovación e tecnoloxía, en colaboración cunha universidade do SUG encargada da formación

En conxunto, as tres edicións anteriores deste programa permitiron a contratación de 46 persoas doutorandas

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2024

Xa está aberta a convocatoria da cuarta edición do programa Doutoramentos industriais, unha iniciativa dotada con preto de 12M€ que apoia a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema  Universitario Galego en empresas e centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Como se indica no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de novembro.

O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro tecnolóxico, en colaboración cunha universidade que se encargará da formación investigadora da persoa doutoranda.

Deste xeito, esta iniciativa favorece a investigación colaborativa entre unha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía e a universidade, e con iso os procesos de transferencia; promove a formación de mozos e mozas investigadores no marco de proxectos de interese empresarial, e estimula a súa posible inserción laboral unha vez que remate a axuda.

Estadías de tres meses no estranxeiro

Os doutorandos deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública e ter unha persoa directora de tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

Este programa, que xa permitiu a contratación de 46 persoas doutorandas industriais nas tres edicións anteriores, complétase con outras medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Talento Sénior, Oportunius, Ignicia ou os programas de apoio predoutoral e posdoutoral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/10/2024