A Xunta destaca o labor altruísta das agrupacións de voluntarios de Protección Civil en apoio aos servizos de emerxencias ante calquera incidencia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu á inauguración do ‘III Encontro Internacional de Unidades Ciclistas Sanitarias’, no que participaron representantes de agrupacións de protección civil de Galicia e doutras localidades de España e integrantes da Cruz Vermella  

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración do ‘III Encontro Internacional de Unidades Ciclistas Sanitarias’, organizado pola unidade ciclista Lince do servizo de emerxencias de Madrid, o Samur-Protección Civil, que esta edición acolle Galicia co obxectivo de compartir experiencias entre as agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) no que se refire á forma de organizarse para colaborar cos servizos de emerxencias nas incidencias. A xornada conta con representantes de agrupacións de distintos puntos de Galicia -A Coruña, Santiago de Compostela, Ames ou Ferrol-, así como doutras localidades españolas como Alicante, Sevilla, Málaga e Albacete xunto integrantes da Cruz Vermella en Santiago de Compostela e Noia.

Santiago Villanueva puxo en valor o importante papel das agrupacións de Protección Civil que, dun xeito desinteresado e altruísta, colaboran na atención das incidencias, sendo en moitas ocasións os primeiros en chegar e prestando unha primeira intervención áxil e eficaz e un apoio imprescindible aos servizos de emerxencias. Ademais, encárganse doutras actuación en materia de prevención e seguridade cidadá, do control de afluencia de persoas en grandes eventos ou na asistencia ou auxilio a persoas.

Por iso, pese a tratarse dunha competencia municipal, lembrou o apoio da Xunta con axudas anuais ao seu funcionamento e coa dotación de equipamento para que poidan realizar o seu traballo con garantías e seguridade. Ademais, na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) -explicou o director xeral- reciben o carné de voluntarios e cursos de formación cos que estar ben preparados para actuar ante calquera emerxencia.

Entre o material cedido pola Xunta nos últimos anos aos voluntarios de Protección Civil, inclúense desfibriladores externos (DESA) que identifica a parada respiratoria e que, en caso de paro cardíaco, permite actuar de forma coordinada cos profesionais do 061 ata a chegada dos servizos profesionais.

Data de actualización: 05/10/2024