A Xunta aposta pola mellora de instalacións deportivas da comunidade con máis de 22M€ investidos este ano nunhas 400 actuacións

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as obras que se están a levar a cabo no pavillón de Lavandeira de Cabanas ao abeiro das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e que distribuíron arredor de 5M€ en case un cento de concellos

O Goberno galego investiu outros 17,5 millóns de euros en traballos en infraestruturas deportivas tanto de titularidade autonómica, dos concellos como de entidades deportivas da comunidade

Cabanas (A Coruña), 3 de outubro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitaron hoxe as obras de mellora da eficiencia enerxética que se están a levar a cabo no pavillón de Lavandeira co obxectivo de ofrecer unhas instalacións axeitadas aos clubs de patinaxe e de fútbol sala que fan uso delas, así como outras asociacións do concello para as súas actividades.

O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega de máis de 48.300 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) dirixida a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes, que supuxo actuacións en case un cento de entidades locais da comunidade. A maioría correspóndese con melloras en instalacións deportivas de titularidade municipal, en concreto, 86 proxectos cun investimento de 4,6 millóns de euros.

Diego Calvo engadiu que, no marco do compromiso da Xunta coa dotación de instalacións que permitan adestrar e competir en condicións idóneas aos deportistas desde a base á elite, a Xunta leva investidos este ano máis de 22 millóns de euros en case 400 proxectos, incluídos o visitado hoxe ao abeiro das axudas do FCL.

As melloras que se están a realizar no pavillón de Lavandeira inclúen traballos en materia de calefacción, climatización e auga quente sanitaria cun novo sistema de aerotermia; unha reforma integral dos aseos, así como outras actuacións de illamento, impermeabilización, iluminación ou fontanería.

O concello de Cabanas recibiu nos últimos anos case 1 millón de euros a través das distintas liñas de apoio no eido local, dos que máis de 138.100 corresponden ás achegas deste ano. Así, ademais da reforma no pavillón de Lavandeira, a Xunta destinou outros 30.000 euros á adquisición dunha furgoneta de 9 prazas híbrida e de baixas emisións para o persoal municipal que se encarga das tarefas de conservación, mantemento e control de camiños e pistas facilitando así a súa mobilidade e o transporte do seu material. Nesta liña, o conselleiro de Presidencia destacou a aposta do Goberno galego pola renovación dos vehículos municipais con unidades eficientes e con etiqueta cero mediante o Fondo de Compensación Ambiental, que este ano conta cun orzamento total de 11 millóns de euros para medidas destinadas á protección ambiental ou á compra de vehículos con distintivo ambiental como o visitado hoxe en Cabanas.

A este apoio ao eido local a través do Fondo de Cooperación Local ou do Fondo de Compensación Local súmanse outras convocatorias da Dirección Xeral de Administración Local como a Orde de infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros) coa que se financiaron máis dun cento de actuacións este ano como os máis de 27.400 euros investidos na mellora ou ampliación do parque infantil PAI As Viñas. Ademais, a Xunta  convocou este 2024 unha nova orde plurianual financiada con Fondos Feder a prol da eficiencia enerxética nas infraestruturas municipais por importe de 5,3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2024