A Xunta e a Fundación Celta desenvolven un programa de ocio, cultura e deporte en favor de mulleres vítimas de violencia de xénero

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar renova o convenio co club vigués para que as usuarias do CEMVI e os seus fillos asistan aos partidos das diferentes competicións nas que participe o Real Club Celta

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o xerente do consorcio, Perfecto Rodríguez, e o director da Fundación, Germán Arteta, mantiveron unha xuntanza para definir o acordo

Vigo, 3 de outubro 2024

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e a Fundación Celta colaborarán para desenvolver un programa de ocio, tempo de lecer, cultura e deporte en favor das usuarias do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero en Vigo (CEMVI).

Así o acordaron este xoves a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; e o director da Fundación Celta, Germán Arteta, nunha xuntanza celebrada na Delegación Territorial do Goberno galego na cidade.

A renovación do convenio permitirá que tanto as usuarias do CEMVI como os seus fillos e fillas acodan aos partidos das diferentes competicións nas que participe o Real Club Celta de Vigo. Ademais, para promover a igualdade e a concienciación sobre a violencia de xénero, o consorcio impartirá charlas para os xogadores e xogadoras de fútbol base do club vigués.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Política Social e Igualdade, ten como misión principal a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local. Dentro das actuacións para a abordaxe do tratamento do fenómeno da violencia, está o Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), que ofrece un servizo de protección e tratamento integral ás mulleres que estean a sufrir situacións de violencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2024