Extinguido o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia de Aguada

O lume iniciouse ás 19.57 horas de onte domingo e finalmente afectou unha superficie de 31 hectáreas, das cales 26 correspóndense con monte raso e as 5 restantes con arborado 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lucense de Carballedo, parroquia de Aguada, que se iniciou onte domingo ás 19.57 horas, quedou extinguido hoxe ás 12.11 horas.

Finalmente, este lume afectou unha superficie de 31 hectáreas, das cales 26 correspóndense con monte raso e as 5 restantes con arborado, distribuídas entre o propio municipio de Carballedo e o limítrofe de San Cristovo de Cea, xa na provincia de Ourense. Para a súa extinción mobilizáronse 13 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas e 2 pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 30/09/2024