A Consellería do Medio Rural realiza o pago adicional de máis de 3 M€ da PAC a agricultores e gandeiros

A conselleira, María José Gómez, salientou hoxe a importancia destas achegas para o sector leiteiro nunha visita á granxa Ugasma de Boimorto

Puxo en valor que os beneficiarios da Política Agraria Común (PAC) en Galicia son máis de 23.200, que recibiron nesta campaña pagamentos por máis de 215 millóns de euros, referentes á solicitude única de 2023

Lembrou que Galicia é a comunidade coas axudas da EHE máis ambiciosas para seguir facendo fronte a esta doenza, cunha achega total de 5,6 millóns de euros cos que apoiar as granxas afectadas

Boimorto (A Coruña), 26 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou esta tarde que a Xunta está pagando ao longo da semana algo máis de tres millóns de euros da Política Agraria Común (PAC) aos agricultores e gandeiros galegos. Estes pagamentos corresponden aos fondos adicionais da Axuda Básica á Renda para a Sustentabilidade e responden ao incremento rexistrado tras o reparto de remanentes a nivel nacional.

A conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, realizou unha visita á granxa Ugasma, no concello coruñés de Boimorto, na que tamén estivo presente a súa alcaldesa, María Jesús Novo.

Na visita a esta explotación láctea, Gómez puxo en valor a puxanza do sector leiteiro galego “grazas, entre outros factores, á profesionalidade dos nosos gandeiros e tamén ás axudas da PAC”. Un apoio que reciben polo seu labor “fundamental” á hora de garantir a subministración á sociedade de alimentos sans, seguros e de máxima calidade, remarcou.

Nesta liña, a conselleira lembrou que os beneficiarios da PAC en Galicia son máis de 23.200, que recibiron nesta campaña pagamentos por máis de 215 millóns de euros, referentes á solicitude única de 2023, algo que dá unha clara idea da “enorme relevancia” destes fondos para o rural da nosa comunidade.

Compromiso da Xunta coa actividade agrogandeira

No mesmo sentido, Gómez recordou tamén que a tramitación destes pagamentos a realiza o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), adscrito á Consellería do Medio Rural, un departamento que -trasladou- mantén un firme compromiso de fomento da actividade agrogandeira. Este apoio maniféstase, entre outras iniciativas, mediante o labor de intermediación entre todos os axentes do sector lácteo, na liña de conseguir e manter uns prezos do leite que cubran os custos de produción, máis a marxe de beneficio, e que se equiparen con outras comunidades e coa media nacional.

O respaldo ao sector primario en xeral plásamse, ademais, nas diferentes liñas de axudas que xestiona Medio Rural, para propiciar tanto a mellora das explotacións como a remuda xeracional. De feito a Xunta está ultimando un plan específico, que -segundo explicou a conselleira- pivota sobre o fomento da incorporación ao agro, a formación e a sensibilización. Neste contexto enmarcou tamén o Banco de Explotacións, que se vai poñer en marcha en breve para favorecer a sucesión na xestión das granxas. Precisamente, esta explotación de Boimorto foi beneficiaria o pasado ano dunha axuda da Consellería para incorporación de mozos

Axudas directas pola EHE

Así mesmo, a conselleira tamén recordou que esta semana se avanzaron, no Consello da Xunta, as axudas directas para paliar os danos ocasionados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Cómpre lembrar, neste sentido, que Galicia é a comunidade coas axudas máis ambiciosas para seguir facendo fronte a esta doenza, cunha achega total de 5,6 millóns de euros para apoiar as granxas afectadas. Así, ademais de duplicar as indemnizacións por morte de animais, incluíronse achegas aos tratamentos veterinarios e desisectantes de animais e instalacións.

A Consellería do Medio Rural publicará unha resolución de axudas directas que permitirá reducir a carga burocrática dos beneficiarios. Farase efectiva tras a fin do período de actividade do mosquito vector transmisor da doenza, que se estima que baixe a súa incidencia a medidados de novembro, para que deste xeito opten á achega todas as explotacións afectadas este ano.

Datos de Ugasma

Ugasma SL, visitada esta tarde pola conselleira, é titular dunha explotación gandeira de vacún de leite cun censo de 715 animais. No período comprendido entre setembro de 2023 e agosto deste ano produciu máis de 3,4 millóns de litros de leite, unha produción que comercializa a través do grupo Leche Río.

Data de actualización: 26/09/2024