A consellería de Educación recalca o éxito das titulacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo

O secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, visita o Campus lucense e destaca o compromiso por ofrecer unha formación de calidade axustada ás demandas do mercado laboral

Lugo, 26 de setembro de 2024

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez, visitou hoxe a Facultade de Administración e Dirección de Empresas da Universidade de Santiago no Campus de Lugo, onde, acompañado polo decano, Roberto Bande, puido coñecer de preto o funcionamento e o gran número de alumnos das titulacións que se imparten este curso. A oferta académica inclúe o grao en Administración e Dirección de Empresas, o grao en Empresa e Tecnoloxía e o máster en Dirección de Empresas.

Durante a visita, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o compromiso desta Facultade por ofrecer unha formación de calidade que se axusta ás demandas do mercado laboral e ás expectativas dos estudantes.

Igualmente, José Alberto Díez recordou que, desde este curso, Galicia é a primeira comunidade en implantar a matrícula gratuíta para todos os universitarios que aproben, medida da que se benefician 20.000 mozos, e animou a futuros estudantes a matricularse nas titulacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, que leva anos formando a numerosos alumnos e adaptándose aos novos tempos.

As tres titulacións da Facultade ofertan máis de 160 prazas de novo ingreso, que se cobren por completo cada curso, o que evidencia o éxito e a alta demanda. Entre elas, o grao en Empresa e Tecnoloxía, implantado no curso 2020-2021, ofrece modalidades tanto presencial como semipresencial, adaptándose así ás novas tecnoloxías e ás necesidades actuais dos estudantes.

Data de actualización: 26/09/2024