Medio Rural avanza na colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural para desenvolver iniciativas enmarcadas no novo período da medida Leader

A conselleira María José Gómez participou esta mañá nunha reunión de traballo cos presidentes e presidentas dos GDR para abordar diversas cuestións relacionadas co convenio

O orzamento total ascende a 56,9 millóns, dos cales preto de 18 millóns se dirixen aos gastos de funcionamento destas entidades, mentres que os 36,3 restantes destinaranse ao desenvolvemento de operacións a terceiros

Cómpre lembrar que esta é a primeira convocatoria ao abeiro do Programa Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027 (Pepac), xa que con anterioridade estaba incluída no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR)

Gómez amosou o compromiso do Goberno autonómico con estas entidades, a través dos cales se desenvolven iniciativas locais que melloran as condicións de vida da veciñanza

Boqueixón (A Coruña), 26 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión cos presidentes e presidentas dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia para tratar diversas cuestións relacionadas co novo período do programa Leader.

O motivo desta xuntanza, que tivo lugar no Pazo de Quián, en Boqueixón, era falar de futuro e das novas oportunidades e retos a abordar, co fin de que se convertan en realidades prósperas. A conselleira reafirmou o importante labor que desenvolven estas entidades en ámbitos diversos, focalizados no fomento do emprego nas contornas rurais da nosa comunidade e co obxectivo de facer agromar e canalizar iniciativas e proxectos que contribúan e impulsen a dinamización.

Este novo período da medida Leader está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común  (Pepac) 2023-2027. Cabe sinalar que esta será a primeira convocatoria ao abeiro do Pepac, xa que durante o período 2014-2020 esta medida estaba incluída no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR).

Así, lembrou que do orzamento total, que ascende aos 56,9 millóns, preto de 18 millóns se destinarán aos gastos de funcionamento dos GDR, mentres que os 39,3 millóns de euros restantes van dirixidos ao desenvolvemento de operacións a terceiros e se distribuirán entre aquelas estratexias elaboradas polos GDR que foran seleccionadas para este convenio. Este orzamento vaise executar a través de diferentes liñas de axudas ás que poderán optar concellos, entidades privadas sen ánimo de lucro e empresas, ao igual que en anteriores convocatorias.

María José Gómez amosou o compromiso do Goberno autonómico cos GDR, baseados nunha dinámica de traballo participativa, na que as opinións da cidadanía teñen un peso importante á hora de desenvolver iniciativas que melloren as condicións de vida das poboacións rurais. Ademais, estes proxectos favorecen á remuda xeracional necesaria para o medio rural. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2024