Xosé Merelles agradece ao sector turístico da comarca de Valdeorras a súa aposta por intensificar a calidade e sustentabilidade do destino

O director de Turismo de Galicia participa na entrega de distintivos SICTED

O Bolo (Ourense), 25 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na entrega de distintivos SICTED ás empresas da comarca de Valdeorras, onde agradeceu ao sector a súa aposta por intensificar a calidade e sustentabilidade do destino. Salientou a importancia desta comarca para diversificar a oferta turística “que se reforza coa calidade que ofrecen os establecementos e servizos dos distintos concellos da zona”.

Recordou que nestes momentos hai máis de 1.400 establecementos co distintivo SICTED, algo que, como dixo, reforza tamén a imaxe de Galicia como destino. Tamén destacou a aposta do Goberno autonómico para reforzar a calidade e sustentabildiade turística cun investimento de máis de 500.000 euros durante este ano ao abeiro da nova folla de ruta en marcha este ano.

Referiuse, en concreto, ao novo Plan de Calidade e Sustentabilidade Turística da Xunta para consolidar o liderado de Galicia en materia de certificación de calidade e sostibilidade turística. O obxectivo global será acadar este ano 140 novas marcas Q de Calidade e S de Sostibilidade turística tanto en empresas como en servizos públicos e promover que un maior número de destinos se adhiran ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).

“Turismo de Galicia seguirá apoiando os Destinos SICTED, a través dos xeodestinos así como dos diferentes Plans de Sostibilidade Turística en Destino que se están desenvolvendo no marco dos fondos europeos Next Generation”, explicou. Tamén recordou a aposta da Xunta por apoiar no sector no ámbito da calidade, continuando co asesoramento ás empresas e incrementou este ano un 23% a contía das axudas anuais para apoiar a establecementos e servizos turísticos de xestión pública ou privada nos procesos de certificación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024