A Xunta celebra cun acto por adiantado o Día Europeo das Linguas xunto con alumnado compostelán

O Museo das Peregrinacións acolleu un recitado promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, conmemorando a efeméride do 26 de setembro

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destaca “a importancia da aprendizaxe de idiomas para a comprensión intercultural da cidadanía”

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia adiantou hoxe o acto institucional de celebración do Día Europeo das Linguas, efeméride que terá lugar mañá, 26 de setembro. Así, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na iniciativa desenvolvida nos soportais do Museo das Peregrinacións de Santiago, acompañado polo profesorado e alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I, no que houbo un recitado multilingüe de poemas de distintos autores nas súas respectivas linguas de orixe europea, desde Fernando Pessoa a Walt Whitman e Rosalía.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, recordoulles aos estudantes “a sorte e a responsabilidade que supón ter unha lingua propia”, incidindo “na importancia da aprendizaxe de idiomas para a comprensión intercultural da cidadanía”, xa que, dixo, “o coñecemento de linguas é unha ponte que une sociedades e culturas”. Ademais, Valentín García salientou ”a relevancia de visibilizar e promover o uso do galego no marco da rica diversidade lingüística e cultural de Europa”.

Ademais, a través do Portal da Lingua Galega, as persoas interesadas poderán atopar as actividades que os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos preparan cada ano para conmemorar esta data sinalada.

Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas. Neste senso, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, súmase unha festa que trata de lembrar a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

Ademais do acto celebrado hoxe, o Goberno galego participará mañá, representado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, canda outras comunidades autónomas, no acto promovido polo Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado en Alacant (Valencia).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024