A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde no obradoiro de vínculos afectivos celebrado no Colexio Maior Fonseca

A Xunta deu resposta a preto de 2.900 consultas informativas de mozos e mozas a través dos centros Quérote+ no primeiro semestre de 2024

Con motivo do inicio do curso, o equipo técnico de Quérote+ desenvolve accións formativas nas universidades galegas, nas que xa participaron máis de 4.500 estudantes

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

Os centros Quérote+ da Xunta atenderon un total de 2.875 consultas informativas entre xaneiro e xuño deste ano, o 85% relacionadas coa sexualidade. Neste mesmo período, os equipos técnicos realizaron preto de 400 accións formativas que chegaron a case 9.000 participantes para promover entre a mocidade a igualdade de xénero, o benestar emocional e o bo trato. A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, asistiu esta tarde ao obradoiro de vínculos afectivos dos centros Quérote+, que se celebrou no Colexio Maior Fonseca e que se enmarca nas actividades destinadas á comunidade universitaria.

No marco das xornadas de benvida que teñen lugar estes días nas universidades galegas, as técnicas especialistas de Quérote+ desprázanse aos diferentes campus para achegar á comunidade educativa os servizos dispoñibles nos centros de toda Galicia. Deste xeito, celebráronse mesas informativas na Universidade da Coruña e nos tres campus da Universidade de Vigo. Tamén se levaron a cabo os obradoiros ‘O coidado dos vínculos afectivos’ no Campus de Lugo e de Santiago de Compostela, onde remataron hoxe.

Ata o momento, máis de 4.500 mozas e mozos universitarios participaron nestas actividades formativas, nas que se promove a participación activa e o debate, afondando en contidos como o establecemento de vínculos afectivos positivos, respectuosos e igualitarios, a responsabilidade afectiva ou consentimento. 

Os centros Quérote+ son un servizo de información e asesoramento á xuventude nas áreas vinculadas ao entendemento social e o crecemento persoal. Están compostos por un equipo especializado de profesionais da psicoloxía, sexoloxía, da educación social e o traballo social para axudar no ámbito afectivo-sexual, na prevención do consumo de drogas, no uso das TIC ou no reforzo da autoestima, entre outros.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024