A Xunta reclama ao Estado máis fondos para o PERTE Aeroespacial e destaca o papel crucial deste sector para o fortalecemento industrial de Galicia

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na V reunión da Alianza polo Perte Aeroespacial onde tamén demandou un maior apoio do Goberno central á Civil UAVs Initiative

Madrid, 25 de setembro de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reclamou hoxe ao Goberno central que destine máis fondos ao PERTE Aeroespacial. “Un sector que está a ter un papel crucial -dixo- para o fortalecemento da industria da Comunidade autónoma galega”.

A directora xeral participou na V reunión da Alianza polo Perte Aeroespacial e ao seu remate fixo fincapé na necesidade de ampliar as partidas de fondos europeos destinadas a este sector “máis aínda se temos en conta que dos 41.000M€ cos que contan os PERTEs, aínda restan preto da metade sen convocar e que a partida inicial deste PERTE se reduciu á metade”, denunciou Ardao. Pola contra, a directora xeral puxo en valor o reforzo e o compromiso do Xunta co crecemento e a internacionalización das empresas emerxentes desta industria estratéxica nos últimos anos, co obxectivo de dar un pulo á súa competitividade.

Neste sentido, explicou que o aeroespacial é un sector dinámico cunha alta posibilidade de crecemento e que aporta valor engadido á industria galega en termos de innovación tecnolóxica, competitividade, diversificación e emprego cualificado.

Crecemento do sector

Tras a reunión desta mañá, Margarita Ardao tamén subliñou que o sector aeroespacial medrou de forma sólida na última década en Galicia, impulsado polas capacidades das empresas e centros tecnolóxicos galegos, polo talento que existe e polo apoios das Administracións.

Así, subliñou que a Civil UAVs Initiative -liderada polo Goberno Galego- é unha iniciativa pioneira en España e en Europa que funciona como catalizadora deste crecemento ao abrir as portas a un mercado especializado como o das tecnoloxías de vehículos e sistemas non tripulados.

Neste sentido solicitou maior apoio do Estado á  Civil UAVs pois é coherente coas políticas de impulso ao sector que se están a levar a cabo e por tratarse, ademais, da primeira iniciativa e a de maior volume de España neste ámbito.

Data de actualización: 25/09/2024