O conselleiro de Sanidade avanza que o Servizo Galego de Saúde reterá o 84% dos médicos de familia que rematan a súa formación especializada

Un total de 101 médicos residentes da especialidade de medicina familiar e comunitaria quedarán na sanidade pública galega, 22 máis que o pasado ano 

 Tamén 18 médicos residentes da especialidade de pediatría en atención primaria continuarán vinculados ao Servizo Galego de Saúde, 5 máis que en 2023 

Gómez Caamaño remarca o éxito e a efectividade do Plan de cobertura asistencial do verán no que a Xunta investiu 12,5 millóns de euros e co que se lograron manter o número de consultas e probas diagnósticas, e incrementar o número de operacións 

Agradece o traballo dos máis de 48.000 profesionais cos que contou de media diaria o Servizo Galego de Saúde e que garantiron a cobertura sanitaria en todo o territorio 

Lamenta a inacción do Ministerio de Sanidade para solucionar o déficit de médicos 

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou esta tarde no Parlamento de Galicia que a Xunta reterá no sistema sanitario público galego o 84% dos médicos residentes que rematan a súa formación na especialidade de medicina familiar e comunitaria.

O titular de Sanidade destacou o traballo da Xunta para reter no sistema sanitario público aos médicos residentes de atención primaria e pediatría que axudaron no verán e que teñen finalizado a súa formación, logrando este ano reter a 22 médicos de medicina familiar e comunitaria máis que en 2023. 

Explicou que dos 120 médicos de familia que rematan a súa formación, un total de 101 profesionais continuarán vinculados ao Servizo Galego de Saúde, o que representa un 84,2%. 

En canto aos médicos residentes da especialidade de pediatría que finalizan a formación, 18 permanecerán na sanidade pública galega. Isto supón o 69,2% do total, e 5 máis que o pasado ano.  

Gómez Caamaño puxo en valor as medidas adoptadas polo Executivo galego para garantir a cobertura sanitaria en todo o territorio nos meses estivais, fronte á “inacción e a falta de planificación” por parte do Ministerio de Sanidade ante o déficit xeneralizado de médicos que sofre o Sistema Nacional de Saúde. Tamén censurou as reticencias iniciais do Goberno de España respecto da contratación dos médicos residentes de último ano para garantir a calidade asistencial  durante o verán.

“Ao final, tiveron que rectificar e avalar o Plan da Xunta, recoñecendo que os MIR de cuarto curso están perfectamente capacitados para axudar, de forma voluntaria, incentivada e baixo supervisión, como defendiamos desde a Xunta”, apostilou.

Balance do Plan de cobertura estival

En resposta a unha pregunta parlamentaria, o conselleiro de Sanidade fixo balance do Plan de cobertura estival posto en marcha pola Xunta, con medidas ordinarias e extraordinarias e dotado con 12,5 millóns de euros de investimento.

Gómez Caamaño incidiu no éxito e na efectividade dun plan que non só permitiu manter o número de consultas en atención primaria e das probas diagnósticas, senón que tamén posibilitou que se operase máis e máis patoloxías prioritarias. 

Concretou que o investimento realizado pola Xunta para reforzar os servizos sanitarios durante o verán posibilitou que se puidesen realizar 1.400 cirurxías máis; e realizar máis de 500 cirurxía de prioridade 1, o que supón un 8% máis que no mesmo período de 2023. 

Tamén se rexistrou un incremento do 6% na atención de urxencias hospitalarias, con máis de 16.000 asistencias máis atendidas; e aumentar nun 6% a atención urxente nos PAC.

Ademais, os profesionais do 061 atenderon preto de 210.000 chamadas, 5.000 máis que o pasado ano, das que o 90% foron atendidas en menos de 10 segundos. 

O conselleiro indicou que se está a estudar a posibilidade de manter a bolsa de voluntarios para as tempadas onde a presión asistencial aumente e sexa preciso contar con reforzos puntuais, xa que permitiría actuar con axilidade e versatilidade ante os picos de demanda ou posibles circunstancias sobrevidas. 

Gómez Caamaño non quixo rematar a súa intervención sen agradecer o traballo dos máis de 48.000 traballadores cos que contou o Servizo Galego de Saúde de media durante os meses de xullo e agosto, 1.500 máis que o ano pasado. 

“Na Consellería –dixo- somos moi conscientes que o maior valor da sanidade pública galega son os seus profesionais, o piar fundamental do noso sistema público de saúde”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024