O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración clausurou a xornada de hoxe na sede da Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) en Vigo

A Xunta avanza co encontro ‘Ultreia’ da provincia de Pontevedra no impulso do emprendemento mediante a suma de sinerxías e solucións conxuntas a novos retos

Á espera do último encontro provincial que terá lugar mañá en Lugo, José González felicitou ás empresas emerxentes pontevedresas que foron escollidas para sondar financiamento no Foro de investimento final que terá lugar a nivel galego

No marco do plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, hoxe non só se consolidou o apoio a este tipo de negocios senón tamén a identificación de novas oportunidades de crecemento no seo dos sectores estratéxicos galegos

Vigo, 25 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe en Vigo o terceiro encontro do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, co gallo de seguir incentivando o emprendemento mediante a suma de sinerxías e solucións conxuntas para impulsar sectores estratéxicos. En compañía do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da directora xeral de Traballo e Economía Social, Marta Mariño, González felicitou ás empresas emerxentes pontevedresas que foron escollidas para sondar financiamento no Foro de investimento final que terá lugar a nivel galego, unha vez conclúa a última xornada provincial que terá lugar mañá en Lugo. 

Financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o programa Ultreia está a servir -dixo o conselleiro- para ir dando forma ao plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Nese senso, agradeceu a vontade dos novos negocios presentados por marcar a diferencia, avogando pola innovación, pola diversificación e polo impacto real no territorio. Tivo  unha mención nese contexto para o prioritario comercio local, ao que se buscará darlle un pulo -dixo- a través do novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se prevé ter listo no primeiro trimestre do ano que vén.

Tamén se referiu de xeito especial á Confederación Empresarial de Pontevedra (COP), por guiar hoxe -aseverou- na identificación tanto das empresas emerxentes pontevedresas como dos retos dos sectores estratéxicos. Así, cómpre resaltar que se avanzou a nivel provincial no mapeo desas empresas e das persoas emprendedoras, dándolles soporte para que atopen financiamento. Tamén na diagnose dos sectores estratéxicos, dos seus retos e das súas empresas tractoras, localizando os axentes emprendedores de interese para converter cada provincia nun territorio intelixente. 

Cabe recordar que no programa Ultreia participarán -en total- 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 empresas emerxentes, 40 empresas tractoras de relevancia en Galicia e mostraranse 16 casos de éxito. Tan só unha pequena mostra -dixo o titular de Emprego- de todo o que a nosa Comunidade pode ofrecer no eido do emprendemento, perseguindo xerar riqueza e emprego, dinamizar e vertebrar o conxunto do territorio e fixar poboación. 

Desde a Xunta, destacou, é fundamental tomar parte na coordinación de todo os axentes deste ecosistema emprendedor co gallo de potencialos e consolidalos. O conselleiro quixo facer un chamamento sobre todo ás novas xeracións, asegurando que cando apostan por facer realidade as súas ideas de negocio a través do emprendemento apostan non só polo seu futuro, senón tamén polo de Galicia. 

A xornada en Vigo 

A conferencia inicial da mañá correu a cargo de Edo Sadikovic, fundador do coliving Sende en Lobeira co que está a colaborar a Xunta para atraer nómades dixitais ao noso rural. Posteriormente, presentáronse diversos casos de éxito que deron paso logo a diversos proxectos de empresas emerxentes, entre os que se escolleron os que optarán a sondear financiamento no acto final a nivel galego.  

Xa pola tarde, avogouse polo intercambio de experiencias en diversas mesas de traballo: sobre o sector do metal e a mecánica, do mar e industria, sobre medio ambiente, enerxías renovables, loxística e construción. Tamén se falou de axudas a proxectos de emprendemento, de  ideas para o futuro deste ecosistema, de claves innovadoras como a tecnoloxía ou a Internacionalización e de retos de investimento.   

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024