A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou hoxe o convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta destina 1,7 M€ a mellorar o sistema de abastecemento de auga de Ares

Ángeles Vázquez subliña que esta actuación ten como finalidade poñer á disposición da cidadanía auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir en todo momento o servizo

Tamén se busca como dotar ao municipio dunha capacidade de reserva suficiente para afrontar posibles situacións de emerxencia ou escaseza

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, vai investir nos próximos anos arredor de 1,7 millóns de euros en melloras no sistema de abastecemento do concello de Ares (A Coruña).

Segundo o convenio de colaboración asinado hoxe entre a conselleira de medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Julio Iglesias, as obras proxectadas suporán a construción dun depósito de regulación para auga potable de 3.400 metros cúbicos de volume de almacenamento, a creación dunha liña de adución de 2,5 quilómetros de lonxitude desde a condución xeral na contorna do lugar da Barca e a construción dunha liña de distribución xeral de 1,6 quilómetros desde ese novo depósito ata a súa conexión á rede existente na zona de Pedrós

A estas actuacións engádense outras complementarias como a instalación de distintas cámaras, unha liña de baleirado e desbordamento desde o depósito de auga ata o medio acuático receptor de 1,5 quilómetros de lonxitude, a instalación de equipamentos de control e a urbanización nas zonas de actuación.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, a finalidade destas obras é mellorar o sistema de abastecemento de auga de Ares para poñer á disposición da cidadanía auga potable de calidade, presións de subministración axeitadas e garantir en todo momento a prestación do servizo ao conxunto da veciñanza do municipio. Ao mesmo tempo, búscase dotar ao concello dunha capacidade de reserva de auga potable en cantidade adecuada para afrontar posibles situacións de emerxencia e escaseza. Así, a rede proxectada dará servizo a unha poboación equivalente no concello de Ares de 6.751 habitantes con horizonte en 2045.

O convenio terá vixencia ata 2028 -coa posibilidade de prórroga posterior- cun investimento total de preto de 4,3 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027). Deles, Augas de Galicia aporta algo máis de 1,7 millóns de euros e o Goberno local os case 2,6 millóns de euros restantes.

Para concluír, Ángeles Vázquez fixo fincapé no compromiso do Goberno galego de colaborar cos concellos -que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración- para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías da Comunidade e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024