A conselleira de Política Social e Igualdade informou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia sobre a situación destes servizos de atención ás vítimas da violencia de xénero

Fabiola García insta ao Goberno central a que elabore un protocolo de actuación común para os centros de crise 24 horas

Lamentou que en ningún momento se contara coas Comunidades Autónomas para poñer en marcha estes recursos e que non se achegaran fondos para o seu mantemento

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, demandou ao Goberno central que elabore un protocolo de actuación común para todas as Comunidades Autónomas para a posta en marcha dos centros de crise 24 horas. Fíxoo nunha resposta oral no Pleno do Parlamento de Galicia na que informou sobre a situación destes servizos de atención ás vítimas da violencia de xénero.

Fabiola García tamén lamentou que o Executivo central non achegara ningún tipo de información ao respecto de como ten que ser o funcionamento destes recursos, que non contara coas comunidades para a súa implantación e que non achegue o diñeiro necesario para o seu mantemento. Neste sentido, dixo que foi a Xunta de Galicia a que  fixo a obra e a que os ten que equipar e manter. 

Ademais, a conselleira asegurou que Galicia contará antes de que remate o ano con cinco centros de crise 24 horas, un máis dos esixidos pola Unión Europea, os cales estarán situados nos complexos hospitalarios de Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Ofrecerán servizos de atención psicolóxica, xurídica e social. Tamén darán apoio e asistencia ás vítimas, familiares e persoas do seu entorno e, ademais, incluirán información telefónica e presencial as 24 horas ao día durante todo o ano.

Fabiola García reiterou o compromiso de todo o Executivo autonómico coa erradicación da violencia contra as mulleres, e puxo como exemplos a Lei de prevención e tratamento integral da violencia de xénero ou os programas de sensibilización, prevención e concienciación desta realidade nos ámbitos sanitario e educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024