A Xunta financia a adquisición dunha furgoneta eléctrica para os servizos municipais do concello de Quintela de Leirado cunha achega de case 30.000€ do Fondo de Compensación Ambiental

Manuel Pardo destacou que o concello de Quintela de Leirado leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños

O delegado territorial incidiu na importancia de apoiar aos concellos con actuacións que optimicen os seus recursos e melloren a súa eficiencia enerxética e salientou os máis de 11M€ de orzamento cos que conta o Fondo de Compensación Ambiental e os 5M€ do Fondo de Cooperación Local

O vehículo facilitará o acceso ás distintas rutas de bicicleta e sendeirismo dos operarios municipais que traballan na súa conservación, e será empregado tamén para a recollida do lixo en varios núcleos de poboación

Ourense, 25 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Quintela de Leirado para, xunto co alcalde, José Antonio Pérez, pór en valor a adquisición dun vehículo eléctrico financiado a través da achega de case 30.000 euros ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente ao 2024 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O delegado territorial destacou que o concello de Quintela de Leirado leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións e por todo iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta de Galicia.

Así, este vehículo facilitará o acceso ás distintas rutas de bicicleta e sendeirismo dos operarios municipais que traballan na súa conservación, e será empregado tamén para a recollida do lixo en varios núcleos de poboación do concello dúas veces á semana, aos que no pode acceder o camión de recollida do lixo, xa que teñen accesos moi estreitos e non é posible o seu paso.

Manuel Pardo incidiu na importancia de apoiar aos concellos con actuacións que optimicen os seus recursos e melloren a súa eficiencia enerxética. Neste senso, salientou os máis de 11 M€ de orzamento cos que conta o Fondo de Compensación Ambiental e os 5M€ do Fondo de Cooperación Local; e  que como novidade este ano, os concellos dispoñen tamén dunha orde plurianual destinada a obras de mellora enerxética, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciados con Fondos Feder para o período 2024-2025.

Tamén lembrou o delegado territorial as achegas aos concellos da Orde de infraestruturas de uso público. Esta  liña de axudas beneficiou este ano a máis dun cento de entidades locais en toda Galicia, a meirande parte delas na provincia de Ourense con 32 concellos e 10 agrupacións de concellos resultaron beneficiarias destas achegas que sumaron máis de 1 millón de euros.

A través do conxunto de liñas convocadas en 2024 investíronse case 30 millóns de euros na colaboración cos concellos de Galicia. Manuel Pardo enmarcou estes apoios no compromiso do Goberno galego co eido local e, especialmente, coa veciñanza dos concellos de menor poboación para garantir recursos públicos de calidade en todo o territorio.

Reunión co alcalde

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro co alcalde José Antonio Pérez e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024