Belén do Campo anuncia na casa niño de Vilarmaior que a comarca de Betanzos contará cun novo servizo deste tipo, o que eleva a sete os centros nesta área

Ademais, e como novidade, a convocatoria deste ano incluíu unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Esta axuda é para todas as casas niño

A delegada da Xunta informou na visita que xa se pode solicitar o Bono Concilia Familia unhas axudas tamén pensadas para facilitar a conciliación

Vilarmaior (A Coruña), 25 de setembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, e pola directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco, valorou hoxe como moi positivo o balance das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia comezou a implantar hai oito anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas. Fíxoo na visitas ás casas niños Os Poliños do Tres e As Curixiñas e a casa do Maior O Solpor no Concello de Vilarmaior, e na que lembrou que recentemente se resolveu a orde de axudas para manter e crear este tipo de servizos que permitirá abrir un novo centro deste tipo no Concello de Paderne, Abebos, que pasará a contar con dous.

Ademais, e como novidade, a convocatoria deste ano incluíu unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Esta axuda é para todas as casas niño.

Galicia rematará este ano con 7 casas niño na comarca de Betanzos: Irixoa, Vilasantar, Aranga, Paderne (2) e Vilarmaior (2). 

Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.

Bono Concilia Familia

Durante a visita a representante do Goberno autonómico destacou que desde a semana pasada xa se pode solicitar o Bono Concilia Familia que este ano  aumenta a súa dotación económica inicial para este ano 2024 en case un 70 % con respecto ao exercicio pasado, ata acadar os 2,6 millóns de euros. Estas axudas están pensadas para facilitar a conciliación ás familias con nenos de ata 13 anos nas que os dous proxenitores traballan, ou un único proxenitor no caso das familias monoparentais. 

O obxectivo deste programa é que os pais e as nais poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade ou cuestións laborais; ou durante os períodos de vacacións escolares. 

As contías das achegas poden ser de 500 euros por unidade familiar para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pagamento de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode percibir unha axuda de ata 600 euros. 

Novidades 

Ademais do incremento do orzamento inicial, a convocatoria deste ano presenta outras novidades importantes. Amplíase a todos os nenos que cumpren 13 anos en 2024, cando ata agora estaba limitada ata os 12; e faise máis sinxela a solicitude para axilizar a tramitación e o pagamento das axudas. Así, nesta edición elimínase a presentación dalgúns documentos que a Administración xa pode consultar internamente e non ten necesidade de pedilos ás familias. 

Tamén se cambia o prazo de solicitude, que se establece desde mediados de setembro ata mediados de outubro. O ano pasado, o prazo abriuse no mes de xullo. Faise este cambio para darlle o mesmo tratamento a todas as familias, xa que ata agora tiñan máis facilidades para recibir a axuda aquelas que, por exemplo, levaban os seus fillos a campamentos en xullo respecto das que os levaban en agosto. 

Obxectivo e balance

O obxectivo destas melloras é seguir aumentando o número de familias que reciben esta axuda. O ano pasado, concedeuse o Bono Concilia Familia a preto de 11.000 pais, duplicando as cifras de 2022. A previsión para a convocatoria deste ano 2024 é beneficiar unhas 13.500 familias galegas para este novo inicio do curso. Este programa forma parte das medidas de apoio ás familias e á conciliación que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño e as casas do maior ou a tarxeta benvida

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024