O investimento destinado pola Xunta ao financiamento local supera este ano os 602 M€, 38 millóns máis que en 2023

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou no Parlamento o apoio cada vez maior do Goberno galego aos concellos, con máis axudas e liñas de cooperación

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu hoxe no pleno do Parlamento para abordar o financiamento local executado pola Xunta. Segundo sinalou, o investimento destinado este ano polo Goberno galego aos concellos supera os 602 millóns de euros, 38 millóns máis que en 2023.

Diego Calvo incidiu en que Galicia está reforzar nos últimos anos o apoio aos concellos con máis liñas de cooperación. Así, referiuse ao Fondo de Cooperación Local, dotado este exercicio con 152 millóns de euros. Deste total, máis de 39 millóns corresponden ao fondo adicional, destinado a servizos que demandan os propios concellos. A esta cifra súmase o investimento das distintas convocatorias de axudas e convenios específicos.

O conselleiro lembrou ademais que Galicia foi pioneira en fixar un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos, como mostra da posición firme e xusta da Xunta sobre financiamento. Cómpre lembrar tamén que Galicia leva anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo de financiamento autonómico e local que teña presente as especiais características da comunidade, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento.

A maiores, Diego Calvo insistiu na defensa da autonomía financeira das administracións locais e no compromiso da Xunta cos concellos. Nesta liña, desde 2009 destináronse ás entidades locais preto de 6.400M€ cun incremento das achegas nese período que roza o 40%. Salientou tamén a prioridade aos concellos máis pequenos, aos que en 2023 se destinou o 81% do Fondo de Cooperación Local.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024