A Xunta continúa avanzando en Lugo co proceso participativo para a elaboración do Plan estratéxico do sector comercial

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, está a manter hoxe diferentes encontros con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais abertos da provincia de Lugo

O director xeral destaca a necesidade de avanzar cara a un modelo que se apoie nos beneficios das novas tecnoloxías e afonde na especialización, na calidade do produto e na experiencia do usuario, promovendo ademais o consumo responsable

A xuntanza enmárcase no proceso participativo aberto actualmente para elaborar o futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co obxectivo de recibir as achegas de todos os axentes implicados

Entre as medidas propostas, figuran o impulso da rede de Mercados Excelentes, un selo de Menú de Mercado con campañas cruzadas cos restaurantes da contorna ou a simplificación das axudas aos centros comerciais abertos

Lugo, 25 de setembro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, está a manter no día de hoxe diferentes encontros con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais abertos da provincia de Lugo co obxectivo de seguir avanzando na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Durante as reunións -que se celebran no Pazo de Feiras e Congresos e nas que tamén participará o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias- Gabriel Alén compartirá cos principais representantes provinciais do sector que actualmente -e deica finais de ano- está aberto o proceso participativo para recibir as achegas de todos os axentes implicados, afondando na necesidade de que os comerciantes poidan contribuír en primeira persoa coas súas ideas e inquedanzas á diagnose e estratexia máis acertadas para darlle un pulo ao sector.

Neste senso, destaca que para o Goberno galego é unha prioridade abordar o futuro do comercio desde o diálogo e atendendo ás necesidades reais do sector, coa vontade de avanzar entre todos -e desde a necesaria colaboración público-privada- para reforzar e facer máis competitivo o comercio local das vilas e cidades.

O director xeral destaca o importante papel dinamizador deste sector como motor económico e xerador de emprego e riqueza, incidindo na necesidade de camiñar cara a un modelo que se apoie nos beneficios das novas tecnoloxías e afonde na especialización, na calidade do produto e na experiencia do usuario, promovendo ademais o consumo responsable e a sustentabilidade como valores inherentes ao comercio local e de proximidade. Tamén salienta a aposta por acometer un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dos comercios rendibles, apoiando tanto ao que cesa na actividade como ao que a vai continuar.

Plan estratéxico do comercio de Galicia

Galicia conta con máis de 24.000 comercios polo miúdo, que xeran 107.000 postos de traballo en toda a Comunidade, ademais de preto dun cento de mercados e prazas de abastos. A futura planificación, con horizonte en 2030, abordará a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e tamén artesanal, que permita desenvolver un Mapa do Comercio de Galicia efectivo. Este espazo contemplará a todo o sector comercial integrado dentro das asociacións, cun buscador por tipoloxía de establecemento, xeolocalización e información detallada para potenciais clientes.

Entre as medidas nas que está a traballar o Executivo galego, figura o impulso das prazas de abastos -fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes- ou a posta en marcha do selo Menú de Mercado, que permita facer campañas cruzadas cos restaurantes da contorna. Tamén contemplará liñas para potenciar os centros comerciais abertos -para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade e simplificar as súas axudas-e a Fundación Artesanía de Galicia, para seguir apoiando o labor dos nosos artesáns e artesás.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024