O alumnado da 16ª promoción de Policía Local incorpórase o próximo luns ás clases na Agasp para rematar a súa formación

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou o alumnado que está a realizar prácticas no concello de Sanxenxo 

Despois desta formación práctica de verán e da volta ás aulas a próxima semana para finalizar a parte teórica, a promoción graduarase a comezos de outubro e dará paso a seguinte promoción integrada polas persoas aspirantes que superen os exercicios do proceso selectivo que se está a levar a cabo

Sanxenxo (Pontevedra), 25 de setembro de 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou o alumnado da 16ª promoción de Policía que estivo a realizar prácticas durante os meses de verán no concello de Sanxenxo. Máis dun cento de integrantes desta promoción están a formarse desde febreiro na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e nesta época estival realizan prácticas nos seus concellos de orixe e adheridos á convocatoria unificada, como é o caso de Sanxenxo. O próximo luns, 30 de setembro, volverán de novo ás aulas na Academia para rematar a súa formación teórica e graduarse en outubro para incorporarse de forma definitiva aos seus postos nos seus municipios.

Cómpre aclarar que collerán o relevo do alumnado da 16ª promoción que actualmente se está a formar na Academia, as persoas aspirantes que superen os exercicios do proceso selectivo que se está a levar a cabo para cubrir outras 80 prazas en máis dunha trintena de concellos. As máis de 1.000 persoas aspirantes a estas oposicións unificadas xa realizaron o pasado sábado, 21 de setembro, no recinto feiral de Silleda, o primeiro dos cinco exercicios correspondente ao test de coñecemento. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, na Academia Galega de Seguridade Pública e os futuros axentes formarán parte da 17ª promoción de Policía Local.

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. A maiores, a confección de listas única facilita tamén a contratación.

Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024