O conselleiro de Sanidade e os presidentes dos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia asinaron o novo documento de prórroga, coincidindo coa celebración, hoxe, do Día Mundial do Farmacéutico

A Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos amplían a colaboración para a prestación farmacéutica extrahospitalaria

O convenio, que se prorroga por un período de 18 meses, establece as actuacións nas que os pacientes reciben os medicamentos e os produtos sanitarios de forma axeitada ás súas necesidades

A través desta colaboración, os doentes teñen garantido o acceso aos medicamentos prescritos polo seu médico e á súa dispensación baixo a dirección, responsabilidade, presenza e control dun farmacéutico

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A Xunta e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos amplían a colaboración para a prestación farmacéutica no ámbito extrahospitalario.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e os presidentes dos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, Sara Catrain da Coruña; Alejandro Sánchez de Lugo; Santiago Leyes de Ourense; e Beatriz García de Pontevedra, asinaron hoxe a prórroga ao convenio de colaboración asinado en setembro do ano 2021 entre o Servizo Galego de Saúde e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Farmacéutico.

No acto de sinatura tamén participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva; e a subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo.

O acordo establece as condicións en que as oficinas de farmacia da comunidade colaboran profesionalmente co Servizo Galego de Saúde no desempeño da prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde no ámbito extrahospitalario.

Coa sinatura de hoxe, o Goberno galego e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos acordan ampliar esta cooperación por un período de 18 meses, ata marzo de 2026.

Atención de calidade para os pacientes

O convenio establece as actuacións para que os pacientes reciban os medicamentos e os produtos sanitarios de forma axeitada ás súas necesidades, durante o período de tempo apropiado e co menor custo posible para eles e a comunidade.

Así mesmo, coa sinatura, as oficinas de farmacia seguirán a colaborar co Servizo Galego de Saúde para garantir o uso racional da prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, incluíndo unha atención farmacéutica de calidade aos pacientes, coa implicación activa dos farmacéuticos que exercen a súa actividade en ditas oficinas.

As farmacias continuarán colaborando no Programa de mellora da adherencia terapéutica, coa preparación de sistemas personalizados de dosificación, e seguirán coas as tarefas de farmacovixilancia, que incrementarán a seguridade no uso dos medicamentos.

Esta coordinación do Servizo Galego de Saúde e os Colexios oficiais de Farmacia seguirá contribuíndo a uns mellores resultados en saúde da poboación, mediante unha maior eficiencia da atención farmacéutica e da asistencia sanitaria en xeral.

Os grandes beneficiarios da prórroga deste convenio son os pacientes, que teñen garantido o acceso aos medicamentos prescritos polo seu médico, e a dispensación baixo a dirección, responsabilidade, presenza e control dun farmacéutico.

Igualmente, continuarán a recibir a atención farmacéutica e os consellos necesarios para garantir a efectividade e seguridade dos tratamentos e mellorar o seu coñecemento sobre o uso dos medicamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024