A Xunta presenta en Valladolid a Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 coa que se pretende acadar un transporte dixital e sostible

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, impartiu hoxe unha conferencia sobre esta ferramenta nunha xornada sobre Sistemas Intelixentes (ITS) organizada polo Foro de Novas Tecnoloxías do Transporte

A nova plataforma, xa en execución con varios programas piloto, prevese que estea en 2026 en funcionamento con todas as súas funcionalidades habilitadas

Incluirá novos métodos de pago, un planificador intermodal, información en tempo real ás persoas usuarias e unha nova web e aplicación móbil

Valladolid, 25 de setembro de 2024

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela,  participou esta mañá nunha xornada sobre Sistemas Intelixentes (ITS) en Valladolid, organizada polo Foro de Novas Tecnoloxías do Transporte, onde explicou o impulso que a Xunta está a dar á Plataforma Galega de Mobilidade (PGM) 4.0. como solución aos desafíos do Plan de Transporte Público de Galicia e co obxectivo de acadar un transporte dixital e sostible.

Tal e como explicou a directora xeral, trátase dun sistema software levado a cabo desde a Dirección Xeral de Mobilidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que permita potenciar o uso do transporte público e modernizar os métodos de pago no transporte. A plataforma está financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

De feito, as solucións previstas enmárcanse en catro piares: proporcionar novos métodos de pago cun sistema baseado na conta das persoas usuarias e non na tarxeta que xa se activou de maneira experimental en cinco liñas das concesións da Xunta; poñer en marcha un planificador intermodal que integrará nun único punto toda a oferta de transporte e mobilidade da comunidade; ou dotar ás persoas usuarias de información en tempo real no que se refire ao paso por parada dos servizos de transporte público, tempos de espera e de chegada, transbordos, ubicación e distancia á parada, grado de ocupación, tarifas e descontos, entre outros servizos complementarios.

O cuarto piar fai referencia á activación dunha nova web e unha aplicación móbil que, entre as súas funcionalidades, incluirá a posibilidade de realizar reserva e pago de viaxes, de prazas nos servizos baixo demanda ou recarga de saldo.

Judit Fontela explicou que a previsión é que esta plataforma estea en funcionamento con todas as súas funcionalidades habilitadas en 2026. Ata agora -lembrou- xa se executou o planificador multimodal na aplicación móbil co obxectivo de a finais de ano tamén estea dispoñible na web e o pago con móbil a través de QR en varias liñas.

Para o próximo ano, segundo avanzou a directora xeral,  están previstos outros programas pilotos para o pago con transporte coa nova tarxeta de transporte público de Galicia, para o pago con tarxeta bancaria e para o uso da tarxeta bancaria en modo postpago.

Plan de Transporte Público de Galicia 

Na súa intervención, ademais de presentar a nova plataforma, Judit Fontela tamén fixo balance do actual do Plan de Transporte Público de Galicia no que a Xunta inviste máis de 140 millóns de euros anuais e que contribuíu a que, actualmente, máis do 97% da poboación teña una parada de autobús a menos de un quilómetro do seu domicilio.

Puxo como exemplo de medidas de éxito recollidas neste plan os servizos integrados ou compartidos entre escolares e demais persoas usuarias en zonas de baixa demanda ou os servizos baixo demanda habilitados para mellorar a conexión do rural coas grandes urbes.

Ademais, detallou as mellores levadas a cabo polo Goberno galego coa promoción dunha política tarifaria uniforme e económica cunha Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG)  con bonificacións de ata o 50%. Outro dos retos -explicou- foi a gratuidade no transporte para menores de 21 anos e maiores de 65 a través da implantación da tarxeta Xente Nova en 2021 e a Tarifa +65 habilitada este ano. En ambos casos fináncianse ata 60 viaxes mensuais gratuítas na rede de autobuses da Xunta.

Na xornada na que participou a directora xeral de Mobilidade abordase a aplicación dos sistemas intelixentes ou ITS tanto na xestión do tráfico urbano e interurbano. O evento reúne ao sector público, privado e académico relacionado cos sistemas intelixentes de transporte para facer máis segura, sostible e eficiente a mobilidade das persoas e mercadorías de distintos modos de transporte.

Data de actualización: 25/09/2024