Na Conferencia Internacional Sector Pesqueiro e Acuícola- Camiños para unha Economía Circular, que se desenvolve en Madrid

Villares defende unha transición enerxética gradual e realista para o sector que garanta a súa competitividade e respectando o medio ambiente

Adianta que a consellería, en colaboración coa UDC, a Fundación Marlnnleg e o Clúster Naval de Galicia, está a impulsar estudos cos que abordar este cambio no desenvolvemento da actividade pesqueira do futuro

Para afrontar este novo escenario, anuncia que Galicia tamén demandará á Comisión Europea recursos para incentivar esta revolución tecnolóxica e impulsar as modificacións necesarias nunha frota que é a máis relevante da UE, ao contar con 4.200 buques

Convencidos de que a economía azul é unha oportunidade para a Comunidade,  o Goberno galego desenvolve unha Axenda Sostible propia, formada por accións dirixidas á neutralidade climática, á descarbonización da actividade pesqueira e do transporte marítimo e á consecución de portos máis ecolóxicos

Madrid, 25 de setembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defende unha transición enerxética gradual, realista e asumible para o sector, acompasando o respecto ao medio ambiente coa competitividade. Así o puxo de relevo na Conferencia Internacional Sector Pesqueiro e Acuícola-Camiños para unha Economía Circular, que se desenvolve hoxe e mañá, en Madrid, e que está organizada pola empresa líder na exportación de bonito, Eurofish.

Neste senso, o titular de Mar detallou que para elo se conta coa mellor fórmula posible para afrontar este proceso, é dicir, a colaboración coa Universidade da Coruña, a Fundación Marlnnleg e o Clúster Naval de Galicia. Grazas a esta cooperación, disporase de estudos cos que analizar como abordar o desenvolvemento da actividade pesqueira do futuro; estudos que, segundo avanzou, serán enviados a Bruxelas para, entre todos, poder garantir unha descarbonización da frota equilibrada e viable. Trátase, en definitiva, de apoiar aos profesionais do mar neste reto que se lles presenta, pois eles son, segundo remarcou, os primeiros que están comprometidos coa sostibilidade, a loita contra o cambio climático e, por tanto, coa transición enerxética.

Neste camiño, destacou, precisamente, o papel que xoga Eurofish, cuxa presenza e competencia abarca a ampla rexión xeográfica europea, sendo un bo aliado para os gobernos e a industria de todos os Estados membros ante o reto que o sector ten por diante e que fixa a propia Comisión Europea na súa Comunicación sobre a transición enerxética no sector da pesca e a acuicultura da UE, con respecto ao cambio climático e a reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera en 2040 e eliminalas en 2050.

Neste escenario, a definición dunha tecnoloxía axeitada nos motores, coa conseguinte substitución gradual dos mesmos, e a formación das tripulacións para adecuarse a esta nova realidade, serán decisivos para lograr que esta transición sexa eficaz e rendible para o sector, pois, o fin último, é garantir un sistema alimentario europeo sostible.

Traballo da Xunta

Galicia é a primeira potencia pesqueira europea e a undécima exportadora mundial de produtos do mar, polo que tamén será a rexión de toda a Unión que maiores recursos económicos precisará para realizar ese cambio na industria marítimo-pesqueira. Por este motivo, o responsable autonómico considera fundamental a implicación de dita Comisión para dispor dos recursos necesarios para incentivar esta revolución tecnolóxica e impulsar as modificacións necesarias nun frota que é a máis relevante da UE, ao contar con 4.200 buques.

Para afrontar esta nova realidade, Alfonso Villares adiantou que Galicia continuará dando a batalla e iso pasa tamén por estar presentes no debate aberto no seno da UE, co fin de definir o futuro no que a actividade da frota teña un impacto ambiental menor e como axentes activos en todos os foros para explicar os pasos que está dando tanto a administración autonómica como os actores do propio sector. É o caso, destacou, da Autoridade Portuaria de Vigo que, no marco do Plan de Acción do Atlántico, realizou propostas de relevante importancia como o deseño dunha ferramenta de análise para aumentar a capacidade de pesca con novos combustibles, a construción dunha embarcación eléctrica de pequeno tamaño ou a actualización do Sistema Educativo Europeo vinculado á náutica e á pesca con novas tecnoloxías.

A economía azul, unha oportunidade para Galicia

O conselleiro do Mar ratificou así o compromiso do departamento que dirixe cos distintos profesionais da cadea mar-industria  porque en Galicia, dixo, a voz do sector é tamén a do seu Goberno. E é que os sectores tradicionais da economía azul galega xeran en Europa un volume de negocio de máis de 650.000 millóns de euros e uns 4,5 millóns de empregos. Conscientes de que é unha oportunidade para a Comunidade, a Xunta de Galicia está a desenvolver a súa propia Axenda Sostible, que inclúe unha serie de actuacións que propiciarán un salto económico dirixidas á neutralidade climática, á descarbonización da actividade pesqueira e marisqueira e do transporte marítimo e á consecución de portos máis ecolóxicos. Un traballo, que segundo concluíu o titular de Mar, se enmarca dentro do Pacto Verde Europeo para impulsar a transición cara unha economía sostible e libre de carbono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024