A Xunta licita por 2,3 M€ o contrato para reforzar os espazos de datos sanitarios e mellorar a información que se achegará ao profesional do ámbito da saúde

As empresas interesadas neste contrato de servizo teñen de prazo ata o día 9 de outubro para presentar as súas ofertas

A Consellería de Sanidade incorporouse como provedor de datos, no primeiro semestre deste ano, á Rede europea de datos en saúde, o que lle permitirá ter maior participación en proxectos de investigación clínica a nivel europeo

Galicia aposta desde hai anos polos espazos de datos de saúde, elementos clave para xerar coñecemento co fin de mellorar a saúde das persoas

O Servizo Galego de Saúde almacena a información de forma normalizada de toda a cidadanía que foi atendida en Galicia, contando con máis de 3.000 millóns de rexistros asociados a atencións sanitarias

O departamento sanitario galego conta cun Plan Estratéxico de Transformación da Saúde Dixital 2023-2026, cun orzamento de 200 millóns de euros, co obxectivo de axudar á modernización do modelo de atención á cidadanía

A recente constitución da Oficina do Dato da sanidade galega, dependente da Consellería de Sanidade, é clave na implantación do modelo de gobernanza do Espazo de Datos Sanitarios en Galicia

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

A Consellería de Sanidade publicou, no Portal de Contratos de Galicia, a licitación, por un importe de 2.320.300 euros para o período 2024-2026, da contratación do servizo de evolución da plataforma de analítica de datos, que permitirá o funcionamento de distintas ferramentas que dean soporte aos sistemas de análise de información do Sistema Sanitario Público de Galicia.

O almacenamento de datos para a análise avanzada dos mesmos e a súa compartición é un dos grandes desafíos que ten o sistema sanitario. A tal efecto, é importante  establecer as normas que gobernen os espazos de datos sanitarios, así como o uso das distintas fontes das administracións públicas e dos datos no ámbito académico, ademais da inclusión dos procedentes da internet das cousas, ou de ferramentas de intelixencia artificial, sempre na busca da mellor saúde para as persoas.

Así, o Sistema Sanitario Público de Galicia dispón dun conxunto de Sistemas de Información de Análises Complexas e Big Data desenvolvidos desde o ano 1999. A flexibilidade deste tipo de sistemas, así como as posibilidades de análises cruzadas de información que ofrecen, convérteos en ferramentas fundamentais para a análise e a realización de informes, permitindo obter o maior rendemento da información dispoñible para as funcións de xestión da actividade de toda a organización pública sanitaria.

Requírese polo tanto a contratación de servizos especializados que permitan manter a operación e o servizo avanzado de análise de información aos usuarios, para dispoñer dun espazo de datos de saúde que cumpra cos requisitos establecidos.

A licitación está dividida en dous lotes. Os servizos que se propoñen contratar no primeiro deles están dirixidos ao reforzo dos Espazos de Datos Sanitarios en Galicia, ademais dos servizos de interoperabilidade necesarios para conectar o Espazo de Datos Sanitarios de Galicia co Espazo Nacional.

O Espazo de Datos Sanitarios de Galicia permite a recollida de información de diferentes sistemas, ademais dunha análise masiva para a identificación e mellora do diagnóstico e tratamentos, así como a identificación de factores de risco e análise de tendencias.

Xunto ao anterior, o espazo galego tamén posibilita identificación de patróns e predición de situacións de risco para a saúde e programar recursos para a súa atención, incluíndo algoritmos de intelixencia artificial.

O lote 2 está enfocado á mellora da información que se achegará ao profesional sanitario a partir de informes periódicos con indicadores de estrutura, proceso e resultado na execución en Galicia do Plan de Transformación Dixital da Atención Primaria, no marco da Estratexia de Saúde Dixital.

Esta actuación está financiada pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o 9 de outubro para presentar as súas ofertas.

Máis de 3.000 millóns de atencións sanitarias

Galicia é pioneira na construción de Espazos de Datos Sanitarios, iniciando a súa andadura en 1999. Deste xeito, a nosa comunidade aposta desde hai tempo polos espazos de datos de saúde, xa que se constitúen como elementos clave para permitir xerar coñecemento coa fin de mellorar a saúde das persoas. A tal efecto, é fundamental contar con políticas estándares e procesos robustos que aseguren a calidade, a seguridade a interoperabilidade e o uso ético dos datos.

Así, o Goberno galego aprobou o pasado ano o Plan Estratéxico de Transformación da Saúde Dixital 2023-2026 da Consellería de Sanidade, que conta cun orzamento de 200 millóns de euros, destinados a axudar na transformación e evolución do modelo de atención á cidadanía.

Ademais, a recente constitución da Oficina do Dato da Sanidade Galega, dependente da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, é tamén clave na implantación do modelo de gobernanza do Espazo de Datos Sanitarios en Galicia.

Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde almacena a información de forma normalizada de toda a cidadanía que foi atendida en Galicia, contando con máis 3 mil millóns de rexistros de saúde asociados a resultados de laboratorio (1.600 millóns), prescricións farmacéuticas (mil millóns), informes clínicos (360 millóns), rexistros de vacinas, (20 millóns), e biomedidas de teleasistencia (5 millóns), entre outros.

A Consellería de Sanidade incorporouse como provedor de datos, no primeiro semestre deste ano, á Rede europea de datos en saúde. Esta rede, de carácter anónimo, permitirá ao sistema sanitario público de Galicia colaborar coa comunidade científica europea de forma máis activa, tendo maior participación en proxectos de investigación clínica a nivel europeo.

A incorporación tamén permitirá mellorar o nivel de interoperabilidade dos datos nos proxectos de investigación, realizar estudos clínicos de xeito máis rápido e manter o control dos datos grazas á rede federada e segura construída no marco europeo.

Xunto ao anterior, a Consellería de Sanidade publicou, recentemente, o Observatorio de Saúde Pública de Galicia, como espazo aberto con accesibilidade a toda a cidadanía.

O departamento sanitario galego está na construción da plataforma Innovatrial para a xestión dos datos asociados aos ensaios clínicos, actualmente en desenvolvemento, co que se disporá dun sistema para a xestión do ciclo da vida do coñecemento na investigación.

Data de actualización: 25/09/2024