A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras para a humanización da travesía de Palmeira, no concello de Ribeira

Esta intervención no treito urbano de algo máis de 1 quilómetro da AC-305 parte dunha proposta da fundación RIA e suporá un investimento de preto de 2,8M€

Executaranse novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e nova iluminación, permitindo crear un espazo máis humano e máis seguro para os peóns

As actuacións permitirán reducir a velocidade máxima permitida a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril

Santiago de Compostela 25 de setembro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de recibir 12 ofertas para executar as obras para a humanización da travesía de Palmeira, no concello de Ribeira.

Esta intervención, licitada por un investimento de preto de 2,8M€ e cun prazo de execución de 15 meses, ten como obxectivo transformar o treito urbano da estrada autonómica AC-305 que discorre por Palmeira nunha rúa, adaptándoo aos diferentes contextos que atravesa, integrándoo e recuperando o seu carácter humano.

Trátase do proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta a partir dunha proposta deseñada polo fundación RIA, para adaptar o espazo público desta vía  autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Palmeira, e que ten unha lonxitude de algo máis dun quilómetro.

O conxunto de intervencións obxecto deste contrato permitirá crear un espazo harmonizado que priorizará a mobilidade peonil, con zonas verdes e sombra natural.

O proxecto a executar céntrase no treito da estrada AC-305 situado entre os puntos quilométricos 35+400 e 36+500, onde se executarán novas beirarrúas, unha nova parada de autobús e se disporá tamén nova iluminación.

As actuacións proxectadas inclúen tamén a redución da velocidade máxima permitida a 30 km/h, para o que se colocarán sinais de límite de velocidade e reducirase o ancho do carril.

Data de actualización: 25/09/2024