O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto polo Día da Galeguidade Empresarial en Pontevedra

A Xunta, a Deputación e o Foro Peinador conmemoran o 20º aniversario do Plan de Normalización Lingüística

A iniciativa ‘Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro’, organizado polas tres entidades pon en valor a lingua galega no tecido profesional

Valentín García García Gómez destaca que “a actividade económica debe asumir tamén a realidade sociolingüística do territorio”

Pontevedra, 24 de setembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto do Día da Galeguidade Empresarial, baixo o lema Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro, que promove o Foro Enrique Peinador e que este ano acolleu o Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, coa colaboración desta institución e da Xunta de Galicia. Unha celebración que coincide co 20º aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

O representante da Xunta resaltou “a importancia de promover o uso do galego e de darlle visibilidade no tecido empresarial e socioeconómico” incidindo en que “a normalización da lingua pasa tamén por estender o seu uso cotián nas actividades económicas e asumir a responsabilidade empresarial na súa promoción e posicionamento social”, así como por “entender que estar radicada nun territorio e facer negocios implica para a empresa asumir tamén a súa realidade sociolingüística”.

Xunto co representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude participaron no acto Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Agustín Reguera Ocampo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra; Luís López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra; Manuel Pérez Álvarez, presidente do Consello Económico e Social de Galicia e Isabel Carro Garrote, representante de Navantia.

Data de actualización: 24/09/2024