A Xunta apoia a celebración das Xornadas MariscaCiencia organizadas pola Lonxa de Campelo

Poio (Pontevedra), 24 de setembro de 2024

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, asistiu ás Xornadas de MariscaCiencia organizadas pola Lonxa de Campelo e financiadas pola Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra. O evento, que se prolongará ata o mércores, ten como obxectivo a difusión de resultados de proxectos de investigacións sobre a proliferacións de microalgas tóxicas, sobre a resposta dos bivalvos ás condicións ambientais externas ou sobre a conectividade e modelo poboacional dos principais moluscos bivalvos de Galicia, entre outros, e as súas aplicacións ao marisqueo no fondo da ría pontevedresa.   

A responsable autonómica puxo en valor a aposta da Consellería do Mar por reforzar o labor investigador no ámbito mariño como piar imprescindible á hora de artellar as mellores solucións aos principais desafíos aos que se enfronta o sector marisqueiro galego. Nesta liña, resaltou a importancia de que exista un traballo conxunto entre os centros científicos e os profesionais do mar e, nese contexto, a importancia de que se celebren este tipo de xornadas que permiten divulgar o coñecemento adquirido. Así, puxo en valor ferramentas pioneiras postas en marcha polo Goberno galego, como Redemar, no que sector e os centros de investigación mariña colaboran no desenvolvemento de proxectos con impacto directo na actividade marisqueira e pesqueira.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024