A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe con representantes da entidade empresarial

A Xunta suma o apoio do Clúster de Enerxías Renovables á súa fronte común na busca de solucións ante o bloqueo do sector eólico en Galicia

Coinciden en subliñar o valor das enerxías verdes e a importancia de apostar por esta vía para avanzar nos obxectivos de descarbonización e neutralidade climática

Ángeles Vázquez lembra que Galicia ocupa actualmente a cuarta posición en España en canto a potencia eólica instalada pero aspira a recuperar o liderado

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

A Xunta acaba de sumar o apoio do Clúster de Enerxías Renovables (Cluergal) na fronte común impulsada en Galicia co fin de buscar solucións ao bloqueo que sofre o sector eólico na Comunidade debido aos recursos xudiciais e administrativos contra parques autorizados nos últimos anos.

Durante unha reunión mantida esta tarde, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e mais o xerente da entidade, Oriol Sarmiento, e o secretario, Nonito Aneiros, coincidiron en subliñar o papel clave que teñen no contexto actual as enerxías renovables para avanzar nos obxectivos europeos de descarbonización e neutralidade climática.

Precisamente, a responsable autonómica aproveitou a xuntanza para trasladarlles de primeira man os resultados da súa recente viaxe a Bruxelas, onde a parálise eólica e o potencial de Galicia desde o punto de vista da enerxía verde foron os temas centrais das reunións que mantivo con representantes da Comisión Europea de primeiro nivel.

Neste sentido, explicoulles que as autoridades comunitarias transmitiron o seu apoio ao modelo de desenvolvemento ordenado e sostible que defende a Comunidade e, ademais, avalaron a tramitación da futura Lei de administración ambiental simplificada na que está a traballar a Xunta e que acaba de superar a fase de consulta pública previa.

A maiores, no que atinxe á cuestión prexudicial trasladada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ás autoridades xudiciais comunitarias e que cuestiona a tramitación de parques eólicos realizada pola Xunta en aplicación da Lei estatal de avaliación ambiental, os tres coincidiron na importancia da decisión do Tribunal Superior de Xustiza Europeo de priorizar este asunto en atención á súa natureza e transcendencia.

Ao respecto, cómpre lembrar que Cluergal aglutina 120 asociados co obxectivo común de promover proxectos conxuntos entre os seus membros, o desenvolvemento da industria e os servizos do tecido empresarial das renovables, así como accións encamiñadas a fomentar a sustentabilidade para acadar un maior nivel de competitividade, defender os seus intereses e fomentar un entorno socioeconómico e normativo axeitado para o desenvolvemento desta industria en Galicia.

Para concluír, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de dotar de seguridade xurídica ás empresas do sector enerxético renovable para que a Comunidade poida cumprir co reto da descarbonización pola vía da redución das emisións contaminantes e do pulo ás enerxías limpas, particularmente, a eólica.

Neste sentido, lembrou que Galicia era a primeira Comunidade española en canto a implantación de potencia eólica pero, actualmente, ocupa a cuarta posición, un liderado que aspira a recuperar grazas ao desenvolvemento dos parques autorizados que aínda non están en funcionamento e primando, como sempre, o coidado medioambiental na tramitación de novos proxectos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024