A Xunta pon en valor a importancia da formación nos centros penitenciarios na celebración do Día da Mercede

Lugo, 24 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto institucional e de entrega de recoñecementos do Día da Patroa de Institucións Penitenciarias Nosa Señora da Mercede, que se celebrou hoxe no Museo Interactivo da Historia de Lugo.

No acto valorouse o importante labor desenvolvido polos profesionais dos Centros de Educación e Promoción de Adultos que a Xunta ten nos dous centros penitenciarios da provincia, en Monterroso e Bonxe, en Outeiro de Rei, nos que tamén se prepara ás persoas que o desexan para a proba de acceso ao ciclo formativo de grao medio. A maiores das ensinanzas regradas, no centro de Bonxe impártese o ciclo de grao medio de Carpintería, que permite aos internos aprender un oficio e adquirir uns hábitos que farán máis doada a súa reinserción trala súa posta en liberdade. 

O delegado territorial referiuse á formación como “unha ferramenta fundamental non só no ámbito puramente educativo senón no proceso de reconstrución das persoas e para favorecer a reinserción social’ e felicitou aos profesores pola súa dedicación e profesionalidade. 

Javier Arias quixo agradecer tamén a colaboración que en distintos eidos prestan os Concellos de Monterroso e de Outeiro de Rei, ao ser os seus municipios sedes dos centros penitenciarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024