A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na clausura do I Congreso Ferrolterra Sostible

A Xunta anima ás entidades da Alianza galega polo clima a recorrer á oficina técnica da iniciativa para aproveitar as sinerxías fronte ao quecemento global

Ángeles Vázquez apela á Responsabilidade Social Empresarial para continuar traballando da man de cara a acadar unha economía baixa en carbono, unha eficiencia enerxética, unha mobilidade sostible e unha xestión responsable dos residuos

Ferrol, 24 de setembro de 2024

A Xunta anima ás entidades da Alianza galega polo clima a recorrer á oficina técnica da iniciativa para aproveitar as sinerxías fronte ao quecemento global e fortalecer a colaboración pública-privada para reforzar a resiliencia da Comunidade.

Durante a súa intervención na clausura do I Congreso Ferrolterra sostible, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que as entidades adheridas a esta iniciativa teñen á súa disposición unha oficina de apoio en liña para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental que permitan avanzar cara á neutralidade climática.

“A loita contra o cambio climático é un compromiso transversal, conxunto e coordinado das administracións e do tecido produtivo e social da Comunidade para multiplicar o efecto das accións individuais”, engadiu Ángeles Vázquez, que fixo fincapé en que Galicia leva anos traballando nese eido e, de feito, xa deu pasos importantes. Así, puxo como exemplo que se converteu na rexión na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (58,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europa para 2030.

Nesa liña, a conselleira apelou á Responsabilidade Social Empresarial para “continuar traballando da man” de cara a acadar unha economía baixa en carbono, unha eficiencia enerxética, unha mobilidade sostible e unha xestión responsable dos residuos. Ademais, tamén incidiu na importancia de concienciar á sociedade sobre a necesidade de protexer o noso medio ambiente.

Para concluír, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso de Ferrol na loita contra o cambio climático. Tal e como lembrou a conselleira, a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, ademais de estar adherida á Alianza galega polo clima, aposta por un crecemento sostible da actividade portuaria, loxística e industrial.

E, por outra banda, o Concello de Ferrol forma parte do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía desde 2019 e un ano despois aprobou o seu Plan de acción polo clima e a enerxía sostible (PACES) cunha visión a longo prazo que pretende converter a cidade nun exemplo rexional na loita contra o quecemento global.

Cooperación interdepartamental

A maiores, Ángeles Vázquez tamén salientou que dentro de cada Administración a coordinación entre departamentos é fundamental para que a política climática sexa efectiva. Así, lembrou que onte mesmo o Consello autorizou o acordo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a de Sanidade para impulsar estudos, accións e medidas conxuntas que permitan avanzar cara a un sistema público de saúde en Galicia máis sustentable, respectuoso co medio ambiente e neutro desde o punto de vista das emisións.

Cunha vixencia de dous anos, prorrogables por outros dous, o acordo abrangue desde a posta en marcha de liñas de investigación, estudos de viabilidade ou de impacto da implantación de programas, ata a implementación práctica de mecanismos concretos neste eido e a avaliación do seu impacto tanto no sistema público sanitario coma nas persoas usuarias, co obxectivo primordial de velar pola saúde da cidadanía tamén a través dunha xestión eficiente dos recursos que contribúa á súa sostibilidade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024