Anxo M. Lorenzo pon en valor a sinerxía entre a arte e a literatura na mostra de Baldomero Moreiras en Ourense

O director xeral de Cultura visita a exposición ‘O colaxe na literatura ourensá’ na que o autor homenaxea aos escritores Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Valente e Méndez Ferrín

As pezas, que se atopan na Biblioteca Nós, poderanse visitar ata o 31 de outubro 

Ourense, 24 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe, na Biblioteca Nós, a exposición do artista Baldomero Moreiras O colaxe na literatura ourensá na que puxo en valor a sinerxía que se establece entre a arte e a literatura a través da homenaxe a catro grandes autores da provincia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o tributo que Baldomero Moreiras fai nesta mostra a Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, José Ángel Valente e Xosé Luís Méndez Ferrín. Durante o percorrido tamén destacou o traballo de Moreiras nas artes plásticas e convidou á cidadanía a achegarse ata a Biblioteca Nós para “gozar da nosa cultura e literatura no mesmo espazo”.

Na exposición, que se poderá visitar ata o 21 de outubro, amósanse os retratos de Valente e Méndez Ferrín por primeira vez. Ademais, o artista, natural de Celanova, recompila unha serie de obra que non foron preconcibidas para amosarse conxuntamente e que están feitas coa técnica do colaxe que emprega papeis recortados, pintados e pegados.

O artista

Baldomero Moreiras (Celanova, 29 de xaneiro de 1955), estudou Artes e Oficios e o Bacharelato superior en Ourense. Máis tarde especializouse na técnica do gravado en Madrid, e posteriormente diplomouse no Campo Internacional de Música e Pintura de Mijas. Realizou as súas primeiras exposicións desde 1975, na galería Souto de Vigo, no Museo Arqueolóxico de Ourense ou outra no Mosteiro de Celanova na década dos 80.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024