Anxo M. Lorenzo destaca “o bo momento do sector cultural galego” nas xornadas que reúnen 600 profesionais en Santiago

O director xeral de Cultura participa na benvida do X Encontro Cultura e Cidadanía que se celebrará con sede conxunta no CGAC e o Museo do Pobo Galego

Destaca o compromiso do Goberno autonómico na posta en valor e promoción da cultura con representacións, música, xornadas, exposicións, visitas e máis

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe, no Centro Galego de Arte Contemporánea, na benvida do X Encontro Cultura e Cidadanía, unha cita que se celebra con sede conxunta co Museo do Pobo Galego e que reúne uns 600 profesionais da cultura en Santiago de Compostela.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou o bo momento que vive o sector cultural en Galicia. “Así quedou reflectido este verán no que contamos cunha media de 20 propostas diarias a través da campaña CulturON”, precisou. Neste senso, destacou o compromiso do Goberno autonómico na posta en valor e promoción da cultura “que continúa este outono con representacións teatrais, música, xornadas, exposicións, visitas e moito máis”.

No marco deste congreso, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé na necesidade de “afondar en temas de interese que potencien o debate sobre este eido tan importante a través de expertos”. Deste xeito, os encontros que se celebrarán na cidade de Santiago de Compostela acollerán durante tres días a 600 persoas que asistirán ás diferentes conferencias e mesas redondas.

O X Encontro Cultura e Cidadanía trae un programa de actividades diverso con conversas, mesas redondas, presentacións de proxectos e debates ao redor das políticas culturais, o financiamento, paradigmas sociopolíticos, dereitos culturais e participación cidadá. A cita tamén contará con outras iniciativas paralelas que van desde recitais, interpretacións artísticas, proxeccións ou seminarios e obradoiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024