A Xunta realiza labores de conservación nun tramo de 1,3 quilómetros do río Umia, en Caldas de Reis

As tarefas que está a realizar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial de algo máis de 1,3 quilómetros do río Umia, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis. 

As tarefas, que se desenvolverán na parroquia de Santo André de Cesar e que xa foron comunicadas ao concello, consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa para retirar atoamentos. Os traballos prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e mais un camión.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas. 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. 

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024