Miguel Corgos advirte de que a saída de Cataluña do réxime común suporía un maior prexuízo para Galicia coa actualización das cifras do Goberno central

A liquidación definitiva do Sistema de Financiamento Autonómico para o 2022 deixaría á Comunidade galega con 628 millóns de euros menos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública apremia ao Goberno central a que determine as normas fiscais de acordo co novo marco de gobernanza na Unión Europea

Miguel Corgos participou no almorzo-coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia coa Autoridade Independiente de Responsabildiade Fiscal

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, advertiu hoxe de que a saída de Cataluña do Réxime común suporía un maior prexuízo para Galicia, unha vez coñecidas as cifras definitivas da liquidación do Sistema de Financiamento Autonómico para o 2022. Galicia perdería 628 M€ en relación ao que recibiu nese ano, o último con datos pechados.

Durante a súa participación no almorzo-coloquio organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) coa Autoridade Independiente de Responsabildiade Fiscal (AIReF), Miguel Corgos incidiu en que aínda que as primeiras estimacións, con cifras de 2021, falaban de 444 millóns de euros, unha vez o Ministerio de Hacienda publicou a actualización do 2022, a cifra ascende a 628 millóns de euros.

Miguel Corgos tamén urxiu ao Goberno central a determinar as normas fiscais que hai que aplicar de acordo co novo marco de gobernanza económica da Unión Europea, vixente desde o pasado 30 de abril.

O conselleiro de Facenda afirmou que a sostenibilidade das finanzas públicas autonómicas depende de catro grandes reformas que “o Goberno de Sánchez pospón sine die”, dixo, referíndose á reforma tributaria, á reforma do sistema de financiamento autonómico e local, á reforma dos mecanismos de financiamento extraordinarios e á reforma da lei de estabilidade orzamentaria e do marco de gobernanza fiscal interno para, entre outras cousas, adaptalo ao novo marco europeo.

“Mentres non se afronten estas catro grandes políticas de país as comunidades estamos abocadas a un marco de máxima inestabilidade para a xestión das nosas competencias”, afirmou, recordando que o novo marco céntrase en maior medida no medio prazo, cun plan plurianual presentado por cada Estado membro, combinado cun control do cumprimento máis realista, efectivo e coherente.

Así mesmo, subliñou que a UE busca ademais garantir un crecemento sostible e inclusivo, co saneamento gradual das facendas públicas, pero impulsando tamén reformas e investimentos cara a transición ecolóxica e dixital e a cohesión social, nun contexto de déficits controlados.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu insistindo na necesidade dunha maior transparencia e comunicación por parte do Goberno central. “Non houbo información sobre a senda nacional que propor á Comisión; non houbo información nin debate sobre como se repartirá a taxa de variación do gasto dentro dos subsectores de administración; e non se realizou unha adaptación da gobernanza fiscal ás novas regras”, precisou.

O acto contou tamén coa asistencia da conselleira de Economía e Industria María Jesús Lorenzana. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024