A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe en Vilamarín a rehabilitación dunha vivenda que contou con financiamento desta liña

A Xunta lanza unha nova convocatoria de axudas para as Áreas de Rehabilitación dos Camiños de Santiago e a Ribeira Sacra cun investimento de máis de 1,2 M€

M. Allegue subliña a importancia destas axudas de rehabilitación e renovación de vivendas para “seguir a construír fogares e para poñer en valor as contornas e vilas polas dos itinerarios dos Camiños de Santiago”

No caso da ARI Camiños de Santiago destínanse 865.387€ e no caso da ARI Ribeira Sacra, 361.544€ e as axudas permiten sufragar ata o 50% ou 75% da actuación

As persoas, comunidades de propietarios e asociacións de comunidades de propietarios poderán presentar as súas solicitudes ata o 23 de outubro e as axudas, que poden acadar ata 30.000€ 

Para poder acollerse a estas subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación

Entre 2021 e 2023 a Administración autonómica concedeu case 600 axudas, por importe de 6,5M€ para actuacións nestas áreas de rehabilitación, que permitiron a rehabilitación de 1.500 vivendas

Vilamarín (Ourense),  24 de setembro de 2024

A Xunta vén de lanzar a nova convocatoria da liña de axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e a Ribeira Sacra, ás que destina un orzamento total de 1,2M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe en Vilamarín, xunto ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, unha das vivendas rehabilitadas a través destas achegas e destacou a aposta da Administración autonómica para impulsar actuacións que poñan en valor os Camiños e os lugares e vilas que atravesan.

M. Allegue visitou e puxo como exemplo destas actuacións a reforma realizada pola propietaria, que obtivo unha achega de 34.000€ da ARI Camiños de Santiago ao tratarse dunha rehabilitación dun conxunto de catro edificacións en ruínas para convertelas nunha vivenda unifamiliar. A conselleira destacou que estas actuacións permiten “seguir a construír fogares e poñer en valor as contornas e vilas onde se realizan as intervencións”, como foi neste caso no lugar de Bouzas, en Vilamarín.

Subliñou tamén que as case 600 axudas concedidas pola Xunta para actuacións de rehabilitación e renovación nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra permitiron a recuperación de 1.500 vivendas nos concellos integrados nestas contornas desde o ano 2021.

A conselleira apuntou que estas rehabilitacións constitúen “un motor de desenvolvemento económico para os lugares polos que transcorren os itinerarios dos Camiños”. “Sons actuacións que xeran emprego e atraen investimentos, revitalizando barrios -engadiu-.  Permítennos, polo tanto, seguir a transformar as nosas vilas, cidades, os conxuntos históricos e núcleos singulares. En definitiva, avanzar no noso compromiso de seguir a transformar e mellorar o país, para o que non deixaremos de traballar”. 

Beneficiarios das actuacións

En concreto, a Xunta destina 865.387€ ás rehabilitacións na ARI dos Camiños de Santiago e 361.544€ na da Ribeira Sacra. Trala publicación onte da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) desde hoxe e ata o 23 de outubro poderán solicitarse estas achegas convocadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Para poder acollerse a esta convocatoria de subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación.

Para contar con esa cualificación definitiva e poder optar a futuras convocatorias destas axudas, antes é preciso obter a cualificación provisional, un trámite que se pode realizar por vía electrónica na sede da Xunta e que ten o prazo aberto ata xuño de 2025. No momento en que se finaliza a actuación, os solicitantes teñen que comunicar o fin da obra e xustificala para solicitar a cualificación definitiva, a fin de poder acceder á convocatoria de axudas de rehabilitación.

No ámbito das dúas ARI supramunicipais poderán solicitar a cualificación provisional e definitiva as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

A contía das achegas non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 30.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024