A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe o foro empresarial 'O CEO: perspectivas de futuro'

Lorenzana avanza unha nova planificación eólica para abaratar a factura enerxética dos cidadáns e da industria galega

Considera que para cumprir este obxectivo será clave a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e a sociedade Recursos de Galicia (RDG),

Adianta, tamén, que a próxima Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos deste ano incorporará novas figuras para crear solo industrial en zonas de alta demanda empresarial que, ademais, terán que ter zonas de reserva enerxética próximas

Incide na importancia da desburocratización, a través da Oficina Económica de Galicia, “para falar de ti a ti coas empresas”, di

Redondela (Pontevedra), 24 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe que a Xunta traballa nunha nova planificación eólica para abaratar a factura enerxética dos fogares e da industria galega, na cal será clave, dixo, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aprobará o vindeiro mes, e a sociedade Recursos de Galicia (RDG).

O que se busca con esta nova folla de ruta e todo o ámbito regulamentario no cal se está traballando, explicou, “é que, pouco a pouco, a enerxía que proceda de renovables galegas quede en Galicia e sirva para abaratar a enerxía de todos os cidadáns e de todas as industrias galegas”, manifestou. “Temos que sacar peito do que temos en Galicia, que é dos galegos e galegas, e que ten que servir á industria, sexa a que está ou a que queira vir”.

Así o avanzou hoxe durante a súa intervención no foro O CEO: perspectivas de futuro, organizado por Faro de Vigo e KPMG. “Cremos que se pode sacar adiante unha planificación enerxética que sirva á nosa industria, que sirva aos nosos cidadáns e que respecte o medio ambiente -dixo-, tendo en conta que temos unha planificación antiga, que está sobrepasada e que agora mesmo xa se están esgotando os megawatios que estaban previstos na planificación actual”.

Lorenzana tamén adiantou que a próxima Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos deste ano incorporará novas figuras para crear solo industrial en zonas de alta demanda empresarial que, ademais, terán que ter zonas de reserva enerxética próximas.

“Xestur vai seguir traballando coa Lei de áreas empresariais, pero cremos que hai que darlle un plus de velocidade ao que se está facendo porque, en ocasións, non se pode esperar para determinados proxectos industriais a que se desenvolva todo un polígono”, abondou. “O que se trata é de facilitar solo industrial rapidamente a quen ten un proxecto empresarial real”, engadiu a conselleira, quen apuntou que é unha forma de ampliar a figura dos proxectos industrias estratéxicos pero a pequenos polígonos.

Ademais de seguir traballando na planificación de solo industrial e enerxética, Lorenzana tamén incidiu na importancia da desburocratización, a través da Oficina Económica de Galicia, “para falar de ti a ti coas empresas”, dixo e con máis de 7.000 consultas xa atendidas; e do plan de aceleración de proxectos industriais.

Finalmente, a conselleira tamén fixo referencia aos datos que se extraen da Conta Xeral presentada onte, que constatan que Galicia volveu cumprir os obxectivos de déficit (0,18% do PIB) e débeda (16,1%), a máis baixa desde o ano 2012. Segundo dixo, son un síntoma de estabilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024