Diego Calvo celebra o éxito dos representantes galegos nos World Skate Games

Tras recibir a semana pasada a Jacobo Copa como campión mundial sub-19 de hóckey sobre patíns, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes felicitou hoxe a César Carballeira e Ignacio Alabart, que se alzaron a fin de semana co título absoluto masculino e a María Sanjurjo, tamén campioa no absoluto feminino

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu esta mañá a César Carballeira, Ignacio Alabart e María Sanjurjo, que a pasada fin de semana se proclamaron campións do mundo das seleccións absolutas masculina e feminina de hóckey sobre patíns nos World Skate Games que se celebraron en Italia, o que supón un triplete histórico para o hóckey galego.

Por unha parte, César Carballeira, do Hockey Club Liceo da Coruña, e Ignacio Alabar, do F.C. Barcelona, venceron na final contra Arxentina e, por outra banda, María Sanjurjo, xogadora do Club Patín Esneca Fraga Femenino de Huesca, competición feminina tamén acadou o título mundial fronte a Portugal.

Diego Calvo puxo en valor o papel decisivo dos representantes galegos nas tres finais. Ademais, no caso das seleccións absolutas, por primeira vez na historia do hóckey español, conseguiuse ao mesmo tempo o campionato mundial nas categorías masculina e feminina.

Cómpre lembrar que ás vitorias  de César Carballeira, Ignacio Alabart e María Sanjurjo, súmase á da semana pasada de Jacobo Copa, a quen o conselleiro de Presidencia xa recibiu a semana pasada como campión do mundo coa selección masculina sub-19.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024