A Xunta destina máis de 620.000 euros ao mantemento das aplicacións de vixilancia epidemiolóxica

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación deste contrato de servizo, ao que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 21 de outubro

O obxectivo é garantir a evolución funcional e técnica dos principais sistemas de información que emprega a Consellería de Sanidade para a vixilancia de enfermidades e eventos de interese no ámbito da saúde pública

Entre as ferramentas informáticas que inclúe o expediente atópanse, o VIXIA 2.0, plataforma dixital de rexistros no ámbito sanitario; o SITUB, para o seguimento de pacientes con tuberculose; e o Rexistro Galego de Tumores, REGAT

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia publica hoxe no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 624.476 euros, dos servizos de soporte, mantemento e evolución das aplicacións de vixilancia epidemiolóxica que emprega a Dirección Xeral de Saúde Pública. 

O contrato prevé unha duración inicial de un ano, recollendo a posibilidade dunha posible ampliación por catro anos. Neste caso, o valor estimado co contrato de servizos ascende a 2.683.699 euros. 

As empresas interesadas na prestación deste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 21 de outubro para presentar as súas ofertas. 

Con este expediente, a Administración sanitaria galega garante a evolución funcional e técnica dos principais sistemas de información que emprega a Consellería de Sanidade para a vixilancia de enfermidades e eventos de interese no ámbito da saúde pública: enfermidades de declaración obrigatoria, abrochos de intoxicacións alimentarias, tumores ou infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria, entre outras. 

A recollida, análise e interpretación de toda esta información é fundamental para planificar e avaliar as actuacións a realizar destinadas a previr ou controlar os riscos para a saúde na nosa comunidade. 

Entre estas ferramentas, destacan cinco aplicativos dixitais: en primeiro lugar, o  Sistema de Información de Vixilancia de Saúde Pública (SIVSP), que se encarga de rexistrar os casos e elementos a vixiar procedentes das vixilancias automatizada e pasiva (casos comunicados polos sistemas asistenciais e declarados polos facultativos, respectivamente).

Así mesmo, o departamento sanitario da Xunta emprega VIXIA 2.0, a Plataforma Dixital de Rexistros no ámbito sanitario, que permite a xestión, o seguimento e a recollida de datos desde diversas orixes, automatizando a supervisión da información; ou o SITUB, o  Sistema de Información da Tuberculose, que leva a cabo o rexistro, control e seguimento dos pacientes con tuberculose.

Ademais, outras das principais aplicacións empregadas polo órgano que vixía e monitoriza os riscos e os perigos que poden afectar á saúde da poboación galega son o Rexistro Galego de Tumores, REGAT; e o Sistema de Detección de Enfermidades Nosocomiais (INNOCBR).

Data de actualización: 24/09/2024