Lete Lasa enxalza ao Club Arteal Tenis de Mesa como “un dos mellores equipos, non só de España, senón de toda Europa”

Destaca a calidade de dous dos máximos estandartes do Arteal, Enio Mendes e Humberto Manhani que acadaron os éxitos máis importantes do club, así como Mateo Lois, xogador de trece anos que este ano debutará na Primeira División co filial 

Santiago, 24 de setembro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe a unha delegación do Club Arteal Tenis de Mesa, encabezada polo seu presidente, José Alborés. O mandatario galego destacou a calidade do equipo de tenis de mesa compostelán como “un dos mellores equipos non só de España, senón de toda Europa, como amosan os seus resultados dos últimos anos”.

Neste sentido, Lete Lasa subliñou a importancia do subcampionato acadado na tempada 2023-2024 na terceira máxima división continental, a Europe Trophy, igualando o mellor resultado histórico do Arteal que tamén acadou a medalla de prata nesta categoría na tempada 2021-2022. Ademais, o secretario xeral lembrou a Copa do Rei de 2019, así como as altas clasificacións que acada ano tras ano na máxima división nacional, a Superdivisión, onde foron segundos na 2022-2023 e terceiros na 2023-2024.

Lete Lasa destacou a calidade de dous dos máximos estandartes do Arteal, que acompañaron ao presidente Alborés na recepción: Enio Mendes e Humberto Manhani que levan, respectivamente, doce e seis anos no club e que acadaron todos os éxitos citados con anterioridade. Do mesmo xeito, na reunión púxose en valor o futuro de Mateo Lois, xogador de trece anos que este ano debutará na Primeira División -segunda máxima nacional- co filial do Arteal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024