A Xunta impulsa actividades formativas para a captación de investigadores excelentes a través do programa Oportunius

A Consellería de Ciencia organiza unha xornada informativa sobre as axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para atraer, captar e reter talento

Na cita presentouse o Programa de traballo do ERC de 2025, así como a actual convocatoria Synergy Grant

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

A Axencia Galega de Innovación acolleu hoxe unha xornada informativa sobre o programa do Consello Europeo de Investigación (ERC) e a convocatoria Synergy Grant. O obxectivo da cita é dinamizar novas candidaturas con garantías de éxito, que forma parte do esquema de apoios do Programa Oportunius.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, agradeceu aos relatores e asistentes a súa participación e puxo en valor o programa Oportunius, impulsado no 2014 pola Xunta de Galicia para promover, reter, atraer e retornar o mellor talento científico internacional na rexión. “O fin último do programa é incrementar o número de investigadores en centros de coñecemento galegos que sexan titulares de axudas do ERC, consideradas un indicador de referencia da excelencia científica en Europa”, sinalou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Durante a cita informativa, presentouse o esquema de apoios do Programa Oportunius. Este paquete de axudas diríxese tanto aos titulares de axudas ERC, mediante contratos de persoal investigador distinguido e achegas económicas complementarias (durante e despois da vixencia do financiamento do ERC), como ás persoas finalistas en convocatorias previas do ERC, ofrecéndolles asesoramento e apoio económico, así como servizos de apoio e formación ao persoal investigador con potencial para presentar candidaturas gañadoras.

Participantes na xornada

A xornada contou coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), a través de Leticia Riaza, punto nacional de contacto do European Research Council (ERC) en España, que presentou o Programa de Traballo do ERC de 2025, así como a actual convocatoria Synergy Grant. Así mesmo, participaron tamén algúns dos investigadores máis destacados do sistema, gañadores de axudas do ERC e contratados a través do Programa Oportunius. Entre eles estaban o investigador Oportunius adscrito ao CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela e gañador dunha ERC Synergy Grant (2020), Diego Peña; o investigador Oportunius adscrito ao CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela e gañador dunha ERC Consolidator Grant (2020), Sebastián Villasante, e a investigadora Ramón e Cajal adscrita ao CICA da Universidade da Coruña e gañadora dunha ERC Starting Grant (2019), Elena Pazos. O coloquio foi moderado por José Mahía Saavedra, director da Oficina de Captación de Persoal Investigador da Universidade da Coruña.

Impacto do programa Oportunius

Desde a súa creación ata 2024, o programa Oportunius deu apoio económico a 31 gañadores de axudas ERC, dos cales 18 contan cun contrato de persoal investigador distinguido coa Axencia Galega de Innovación. En conxunto, estas 31 persoas lideran 39 proxectos, que recibiron financiamento europeo por valor de 57,8 millóns de euros.

Ata 2023, a gañadores ERC de Galicia xeraran 1.932 publicacións científicas, das cales un 83% publicáronse en revistas Q1, as máis importantes das súas disciplinas, e os grupos liderados por estes investigadores e investigadoras (un 22,5% son mulleres) obtiveron outros 30M€ en convocatorias competitivas de proxectos, accións de transferencia e outras actividades complementarias. Ademais do impacto económico, os proxectos ERC desenvoltos en Galicia teñen un significativo impacto científico e propician a creación de empregos cualificados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024