A Xunta contribúe con 70.000 euros ao acondicionamento de beirarrúas e aparcamento no polígono da Gándara, en Narón

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a zona onde se van desenvolver os traballos con cargo a unha achega para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia

Lembra que a presente convocatoria deixa preto de 274.000 euros en axudas en catro concellos de Ferrolterra

Narón (A Coruña), 24 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o polígono da Gándara onde o Concello de Narón vai desenvolver unha nova fase das obras de acondicionamento de beirarrúas e aparcamento con cargo á orde de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Acompañada do concelleiro de Obras de Narón, Pablo Mauriz, e do director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez Arca, Aneiros coñeceu o proxecto que conta cunha achega autonómica de 69.956,11 euros e que se vai desenvolver nun tramo de 220 metros entre a rúa Pavillón e a zona de Lóngaras, ata o final da zona edificada de actividade, na marxe dereita.

As actuacións veñen motivadas pola ordenación dos aparcamentos, accesos a industrias e comercios da zona, así como a mellora da seguridade e accesibilidade dos usuarios. Consistirán na adaptación de pluviais e recolocación de iluminación, deseñando unha sección para a avenida do Mar de 3,40 metros de carril, 4,50 metros para estacionamento en batería e outros tres metros de beirarrúa.

Inclúese ademais no proxecto a reparación da rodadura da vía transversal final do polígono, traverso de Lóngaras, de 125 metros de lonxitude, que se atopa moi deteriorada polas canalizacións das instalacións executadas posteriormente.

Máis de 3,5 M€ en axudas

A delegada territorial puxo en valor esta liña de axudas dotada de 3,5 millóns de euros e que permite mellorar os servizos e o acondicionamento das infraestruturas existentes ou de nova construción nos polígonos industriais galegos. “Esta liña de axudas, que deixa este 2024 preto de 274.000 euros en catro polígonos industriais de Ferrolterra,  permite mellorar as condicións nas que as empresas desenvolven a súa actividade industrial nos polígonos, ao tempo que contribúe a fixar novos proxectos e crear novos empregos”, indicou Aneiros.

Ademais do Concello de Narón resultaron beneficiarios da convocatoria deste ano os de As Somozas, que percibiu unha achega de 120.000 euros para traballos de reforzo do firme na vía principal de acceso ao polígono empresarial; As Pontes (40.600 euros) para mellora de infraestruturas viarias interiores ao polígono de Penapurreira e Cabanas (43.366 euros) para mellorar tamén as infraestruturas viarias ao polígono de Vilar do Colo.

Dentro das actuacións subvencionables, inclúese a implantacións de melloras na iluminación pública, nos colectores que verten ás EDAR municipais, na xestión de residuos dentro do parque empresarial, nas infraestruturas viarias tanto de acceso como interiores ao recinto e na instalación de sistemas de seguridade e vixilancia. Ademais tamén se poderán sufragar os gastos derivados das instalacións comúns de equipos e sistemas de protección destinados á loita contra os incendios ou roubos de cable e os servizos centralizados de subministración de gas e/ou hidróxeno.

Trátase dunha orde de axudas en réxime de concorrencia competitiva e a intensidade das mesmas é dun 80% do importe total considerado subvencionable e cun máximo de 120.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024