A Xunta colabora na mellora do local social da asociación de veciños de Beade cunha achega de 15.000 €

A directora xeral de Administración Local visitou as instalacións, nas que se instalou unha plataforma elevadora e se equiparon as aulas con novos ordenadores 

O apoio enmárcase no Plan específico de acción comunitaria, dotado cun orzamento de tres millóns de euros

Vigo, 24 de setembro de 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe nesta cidade o local social da asociación veciñal de Beade, que foi mellorado co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. O Goberno galego investiu 15.000 euros en obras para a instalación dunha plataforma elevadora e na dotación de equipamento informático para as aulas.

Segundo explicou a directora xeral, achegáronse por unha banda 12.000 euros na mellora da accesibilidade do edificio, cunha plataforma elevadora que permite salvar a altura que hai entre a rúa e a primeira planta do local. Facilítaselles así o acceso ás actividades organizadas pola asociación a persoas maiores ou con mobilidade reducida. Por outra banda, destináronse 3.000 euros a melloras de equipamento, como material informático.

Estas axudas súmanse ás concedidas en exercicios anteriores, con contías tamén de 12.000 euros para obras e de arredor de 3.000 para equipamento. As achegas permitiron mellorar, por unha banda, as condicións das instalacións con novas fiestras e con novo pavimento e, por outra, as dotacións das aulas. Deste xeito, asociación veciñal de Beade recibiu nos últimos anos máis de 45.000 euros no marco desta liña de apoio específica para as entidades locais.

Apoio ao asociacionismo local

A directora xeral de Administración Local salientou a importancia de apoiar o asociacionismo local e de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento do seu labor a prol da dinamización da vida social e cultural da contorna. Nesta liña, incidiu no compromiso que vén demostrando a Xunta desde 2016 coa creación do Plan específico de acción comunitaria, dotado con tres millóns de euros e ao que se suman cada exercicio un importante número de colectivos veciñais, de mulleres e de usuarios de augas.

Segundo indicou Natalia Prieto, na convocatoria deste ano a maioría das entidades beneficiarias son da Provincia de Pontevedra, con 162 colectivos que se distribúen 1,6 millóns de euros.

Para a directora xeral, a boa acollida que rexistra cada ano esta medida pon de manifesto a súa importancia no eido local. A través dela destínanse 2,5 millóns de euros para facilitar a execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.

Cos 500.000 euros restantes finánciase a adquisición do equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutros recursos para actividades específicas.

Data de actualización: 24/09/2024