O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu no acto de presentación da Axuda a Cátedras 2024 da Asociación Española contra o Cancro

Sanidade defende unha estratexia fronte ao cancro baseada na prevención, na detección precoz e nas terapias avanzadas

Gómez Caamaño felicita ao profesor Manuel Giráldez, da Universidade da Coruña, polo seu proxecto centrado en promover o exercicio físico nos pacientes oncolóxicos

Remarca que, en materia de prevención, a Xunta conta con programas que fomentan os estilos de vida saudables, como o Plan de obesidade Zero ou as iniciativas fronte ao tabaquismo

Subliña a importancia do diagnóstico temperán, grazas aos programas de detección precoz como os de mama, colon, cérvix, pulmón e próstata

Remarca que Galicia conta con tratamentos punteiros, grazas ao Centro de produción de terapias avanzadas e ao próximo Centro de Protonterapia 

Amosa a súa gratitude á Asociación Española contra o Cancro e a todos os axentes que desde o eido académico ou do do asociacionismo promoven máis e mellores recursos para afrontar esta patoloxía

A Coruña, 24 de setembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou hoxe que a estratexia fronte ao cancro do Goberno galego está baseada na prevención, na detección precoz e nas terapias avanzadas. 

Así o puxo de manifesto no acto de presentación e entrega de Axuda a Cátedras da Asociación Española contra o Cancro, que ten por obxectivo mellorar a asistencia dos pacientes con esta enfermidade, onde estivo acompañado polo presidente da AECC na provincia da Coruña, Manuel Aguilar, e de cargos directivos desta institución.

Na súa intervención, Gómez Caamaño explicou que, tendo en conta a complexidade que rodea o cancro, a Xunta desenvolveu unha folla de ruta que aborda esta patoloxía cunha tripla perspectiva: a prevención, o diagnóstico temperán e a investigación.

En materia de prevención, o conselleiro remarcou que a Consellería de Sanidade desenvolve programas que fomentan os estilos de vida saudables, como é o caso do Plan de obesidade Zero ou as iniciativas para acabar co tabaquismo.

No que atinxe ao diagnóstico temperán, Gómez Caamaño citou como exemplos os programas de detección precoz xa consolidados, como é o caso do cribado de cancro de mama, de colon e de cérvix, e coa pilotaxe doutros novos, como os de pulmón ou de próstata.

Polo que se refire ao campo da investigación e implantación dos tratamentos máis punteiros e personalizados, o máximo responsable da sanidade pública galega citou o Centro de produción de terapias avanzadas e o Centro de Protonterapia que se está a executar co obxectivo de tratar aos primeiros pacientes no ano 2026, convertendo a Galicia na primeira comunidade en ofrecer este tratamento na sanidade pública. 

Man tendida e parabéns ao autor do proxecto

Gómez Caamaño incidiu en que a Estratexia do Executivo galego inclúe a man tendida de gratitude a todos os axentes que desde o eido académico ou do asociacionismo, como é o caso da Asociación española contra o cancro, promoven máis e mellores recursos para afrontar esta enfermidade.

Nesta liña, o conselleiro felicitou a Manuel Giráldez, profesor da Universidade da Coruña, polo seu proxecto centrado en promover o exercicio físico para mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos.

Tamén felicitou á Asociación Española contra o Cancro pola iniciativa de Axuda a Cátedras, destinada a fomentar e acompañar a investigación sobre esta enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024