A Xunta publica o decreto polo que se crea e regula o Comité Molecular de Tumores para asesorar no avance da oncoloxía de precisión

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a regulación e creación deste órgano que asesorará ao Servizo Galego de Saúde no desenvolvemento da Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia e que apoiará a toma de decisións clínicas

O comité estará integrado por profesionais do ámbito sanitario con experiencia en oncoloxía e hematoloxía de precisión

 Entre outras funcións, proporá un catálogo de biomarcadores oncohematolóxicos que indicará que características buscar nos tumores e como actuar en cada un deles

A secuenciación de nova xeración é unha técnica que permite enfocar o tratamento ao perfil molecular do tumor e non centrarse no órgano ou tecido onde se localiza

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o decreto polo que se crea e regula o Comité molecular de tumores do Servizo Galego de Saúde para asesorar no avance da oncoloxía de precisión. 

Este órgano asesorará ao Servizo Galego de Saúde na Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia e funcionará como órgano consultor que apoie a toma de decisións clínicas que se deriven da interpretación de achados moleculares complexos en pacientes concretos.

A constitución do Comité molecular de tumores do Servizo Galego de Saúde permitirá iniciar o camiño para a implantación dunha asistencia sanitaria máis personalizada no campo do cancro. Así, avances tecnolóxicos como a secuenciación de nova xeración permiten mapear o material xenético das células identificando alteracións xenéticas ou anomalías específicas asociadas a unha enfermidade. Polo tanto, prodúcese un cambio de paradigma onde o importante non é xa o órgano ou tecido onde se localiza o tumor, senón o seu perfil molecular.

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde nomeará entre 15 e 21 profesionais do ámbito sanitario con experiencia nas áreas de oncoloxía e hematoloxía de precisión para integrar o comité. 

Entre as súas funcións establécense emitir recomendacións para a efectiva implementación da Estratexia de Oncoloxía de Precisión, avaliar casos clínicos complexos, establecer que métodos de diagnóstico molecular son máis útiles e eficientes na caracterización molecular dos tumores establecendo protocolos comúns ou propor o catálogo de biomarcadores no ámbito da oncohematoloxía (este catálogo indicará que características buscar nos tumores e como actuar ante cada un deles). 

En canto ao seu funcionamento, o Comité molecular de tumores do Sergas reunirase de forma ordinaria polo menos unha vez ao semestre e, en casos clínicos complexos, establecerá a forma de transmisión das recomendacións que emita ao persoal facultativo responsable de cada paciente concreto, recomendacións que pasarán a formar parte da súa historia clínica persoal.

O decreto contempla tamén a creación de grupos de traballo para temas concretos, formado por profesionais das especialidades necesarias, e a colaboración temporal de persoal técnico con formación e experiencia recoñecida no ámbito da oncoloxía, bioloxía molecular ou xenética e cuxo coñecemento sexa necesario para interpretar información molecular complexa.

Dentro da Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia, e enmarcada na Estratexia de xestión do cancro en Galicia 2022-2028, a creación do Comité molecular de tumores do Sergas é a primeira liña estratéxica.

O citado decreto entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Data de actualización: 24/09/2024