A Xunta amplía os prazos para solicitar as axudas á conectividade destinadas a persoas vulnerables, polígonos e edificios

Estas medidas están enmarcadas no Programa UNICO, impulsado polo Goberno do Estado, que establece os requisitos para ser beneficiario

Ao igual que acontecera nas convocatorias anteriores, as axudas están a rexistrar unha baixa demanda

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do prazo para solicitar os bonos dixitais para colectivos vulnerables. A Administración autonómica prorrogou, tamén, os prazos das subvencións para reforzar a conectividade en polígonos empresariais e edificios, tras a escasa demanda que están a ter as tres liñas de axuda do Programa UNICO, cuxos requisitos están predefinidos polo Goberno do Estado.

Segundo recolle hoxe o DOG, o prazo para solicitar os bonos dixitais esténdese un mes, do 30 de setembro ao 30 de outubro. Estas axudas, destinadas a familias ou persoas vulnerables, reducen o custe mensual da contratación de internet en ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros. É a terceira convocatoria destas axudas e conta cun importe de 1,16 millóns de euros.

O prazo para as axudas á conectividade en edificios ampliouse do 16 de setembro ao 4 de outubro. Pode solicitarse esta subvención para os edificios construídos antes de 2001 que non dispoñan dunha infraestrutura común de telecomunicacións (ICT´s). Esta liña de axudas, que conta cun investimento de 4,1 millón de euros, cubre o 100% dos investimentos cun máximo de 23.800€, de 21.000€ ou de 16.000€ en función do alcance da instalación.

As pemes e micropemes situadas en polígonos empresariais e interesadas en acceder a conexións de 1 Gb terán de prazo ata o 11 de outubro. As empresas poderán acadar subvencións de ata o 80% do custo do proxecto, cun importe máximo de 60.000 euros. O orzamento destinado a esta convocatoria é de 4,5 millóns de euros.

Convocatorias 2024

A Xunta lamenta que debido ao deseño do Programa ÚNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, as convocatorias destas liñas de axuda seguen a ter unha demanda limitada, como xa acontecera nas dos anos 2022 e 2023.

No caso dos bonos dixitais, nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 concedéronse unicamente 900 bonos por importe de 216.000 euros. Na liña de axudas a edificios tan só se levou a cabo unha obra de adaptación de ICT; e na de polígonos realizáronse 132 actuacións, superando o obxectivo inicial de 77, grazas ás medidas impulsadas anteriormente pola Xunta, que xa dotaran de conexión á fibra ao 93% da superficie empresarial.

Estes resultados confirman a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación e as empresas da Comunidade. Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, o que xa foi trasladado pola  Xunta e as restantes comunidades no marco da Conferencia sectorial para a Transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.

Data de actualización: 24/09/2024