Galicia incrementa a taxa de emprego e garante unha distribución igualitaria da riqueza coa axuda dos proxectos apoiados polo Fondo Social Europeo Plus

A Comunidade galega acada a maior taxa de emprego da serie histórica e os menores niveis de abandono escolar por debaixo da Unión Europea.

As actuacións do novo programa do FSE+ inclúen iniciativas nos ámbitos do emprego, a educación, a inclusión social ou a loita contra a pobreza

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu a benvida aos membros do Comité de Seguimento do FSE+ que se reúnen estes días en Santiago

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

Galicia incrementa a taxa de emprego e garante unha distribución igualitaria da riqueza coa axuda dos proxectos apoiados polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+). Deste xeito, a Comunidade galega acada a taxa de emprego máis alta no que vai de século, un 66,8%. Pero ademais, o traballo da Xunta na execución deste fondo, contribúe a manter uns baixos índices de desigualdade na distribución da riqueza.

Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no acto de benvida aos membros do Comité de Seguimento do FSE+ que se reúnen estes días en Santiago de Compostela, onde puxo en valor o traballo desenvolvido na Comunidade galega. O comité está a realizar tamén visitas a varios programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo Plus, nos ámbitos da protección á infancia e da inclusión social.

As actuacións do Programa en Galicia inclúen iniciativas para apoiar a formación e o emprego, tendo en conta especialmente o colectivo xuvenil, así como para loitar contra a pobreza e a discriminación.

Así, onte pola tarde visitaron na Pobra de Caramiñal o Programa de Espazos de Preservación Familiar, no que se desenvolve un servizo integral de apoio á protección e promoción da infancia e da adolescencia. E esta mesma tarde, tras o peche da reunión do Comité, realizarán unha visita ao Centro Vieiro de Cáritas en Santiago no que se realizan itinerarios de inclusión sociolaboral e, en particular, actuacións de inclusión residencial.

As actuacións financiadas coa axuda do Programa FSE+ contribúen á perspectiva social necesaria nas transicións que afronta a UE, no novo mandato 2024-2029.

Comité de seguimento

Na segunda reunión do Comité de Seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027 participan o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío; xunto con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén están presentes representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia, así como das organizacións máis representativas nos eidos de emprego, a educación e a inclusión social: universidades, sindicatos e entidades do terceiro sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024