Xosé Merelles sitúa o Centro Superior de Hostelería de Galicia como referente para a formación contínua do sector turístico galego

O director de Turismo de Galicia participa na apertura dunha nova acción formativa sobre Intelixencia Artificial aplicada aos profesionais do turismo 

Recorda que durante este ano, o Centro Superior de Hostelería impartiu máis de 65.000 horas de formación con preto de 600 participantes 

Refírese á capacidade das tecnoloxías para “transformar o xeito de conectar e xerar valor” que serán tidas en conta na Estratexia de Turismo de Galicia 2030

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou hoxe as oportunidades que ofrecer tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial “para facer avanzar a actividade turística e transformar o xeito de conectar cos clientes e xerar valor”.  Así o manifestou durante a apertura do curso sobre esta temática que arranca hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia para os profesionais do turismo, centro ao que situou como “un referente” na formación do sector turístico.

No decurso da súa intervención, Xosé Merelles salientou que esta proposta formativa vén a continuar outra de semellante contido desenvolta na primavera deste mesmo ano. “A alta participación e o aproveitamento demostrado polos asistentes nesta formación,  motivounos a seguir achegando as ferramentas de intelixencia artificial ao sector, nesta ocasión desde unha perspectiva máis interactiva e práctica”, engadiu.

As dúas formacións, a inaugurada hoxe a e celebrada en marzo e abril, forman parte do Plan de Formación do CSHG no marco do cal xa se levan impartidas 65.000 horas de formación en idiomas (inglés, alemán, portugués, francés, italiano) con preto de 600 participantes. Tamén lingua de signos nunha aposta por mellorar a accesibilidade do destino. Ademais, 100 profesionais formáronse xa este ano tamén en IA na empresa turística achegándose a ferramentas avanzadas como ChatGPT. “Está prevista unha nova edición con 100 prazas de inglés en distintos niveis e tamén unha nova edición de intelixencia artificial”, afirmou.

Plan de competencias dixitais

Referíndose á xornada que dá comezo hoxe, Xosé Merelles destacou que os participantes poderán profundar no uso da IA, coñecer as tendencias emerxentes e desenvolver habilidades prácticas para a implementación de solucións tecnolóxicas nas súas empresas”. A formación divídese en dúas sesións, a primeira delas leva por título ‘O poder da IA’, terá lugar hoxe mesmo, e a segunda, que discorrerá co nome de  ‘Laboratorio IA’ desenvolverase mañá mércores.

Tamén se referiu aos traballos que está a realizar o Centro Superior de Hostalería de Galicia para a posta en marcha dun Plan de formación en competencias dixitais que contará con fondos europeos e que suporá un investimento de 2,5M€. O CSHG busca deste xeito, mellorar a formación das 130.000 persoas ocupadas en Galicia nas distintas ramas ao tempo que “dá calidade ao destino nun intento de converternos no  referente da formación do sector turístico”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024