O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración inaugurou a xornada de hoxe na sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC)

A Xunta celebra na Coruña o 2º encontro ‘Ultreia’ para contribuír ao financiamento das empresas emerxentes e á dinamización dos sectores estratéxicos de Galicia

José González destacou que a iniciativa busca que a actividade emprendedora cree sinerxías e atope solucións conxuntas aos novos retos, no marco da estratexia que fixo merecedora a Galicia do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025 

Mañá terá lugar a xornada da provincia de Pontevedra e pasado mañá a de Lugo, para acabar de escoller os proxectos que poderán presentarse no Foro do investimento final co gallo de conseguir sacar adiante con éxito as súas ideas de negocio

A Coruña, 24 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou hoxe na Coruña o segundo encontro do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, co gallo de seguir avanzando na meta marcada de incentivar ás persoas e entidades emprendedoras a impulsar o seu camiño, xerando sinerxías e identificando retos con solucións conxuntas. Todo no marco do plan de acción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, que se está a definir -dixo- da man do ecosistema emprendedor.

Acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, pola directora xeral de Traballo e Economía Social, Marta Mariño, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o conselleiro agradeceu -neste caso- a implicación da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) para que proxectos innovadores consigan financiamento e se dea un pulo aos principais sectores económicos de Galicia.

Así, segundo recordou, o programa Ultreia divídese en dous bloques: un busca identificar as empresas emerxentes e persoas emprendedoras de cada provincia, dándolles soporte para que atopen investidores e apostando pola diversificación e polo impacto no territorio. O segundo céntrase nos sectores estratéxicos, nos seus retos e nas súas empresas tractoras, mapeando os axentes emprendedores de interese para facer de cada provincia un territorio intelixente.

Financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, González fixo fincapé en que que a iniciativa se está a artellar mediante catro citas provinciais -mañá será a de Pontevedra e pasado mañá a de Lugo-, que contarán en total coa participación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 empresas emerxentes, 40 empresas tractoras de distintos sectores estratéxicos e con 16 casos de éxito.

Segundo o titular de Emprego, o deseño destas xornadas non foi elixido ao azar, senón que forma parte dunha folla de ruta máis ampla que vén de facer merecedora a Galicia do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Unha distinción que premia -dixo- a nosa Rede de polos de emprendemento que leva atendido máis de 2.400 proxectos nos seus 14 centros activos ou iniciativas novidosas como o proxecto piloto de coliving no rural, todo co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación.

Na Coruña, precisamente, entrará en funcionamento proximamente o Centro de Orientación, Emprendemento e Innovación para o Emprego de Galicia (COE-Galicia), que coordinará todas as actividades relacionadas coa orientación laboral, co emprendemento e coa innovación, incluída a Rede de polos.

A xornada na Coruña

A xornada matutina deste encontro do programa Ultreia na Coruña acolle unha conferencia  inicial a cargo do presidente executivo do Grupo Aluman, Manuel Ángel Pose, e unha presentación de casos de éxito que dará paso logo a diversos proxectos de empresas emerxentes, entre os que se escollerán os que terán a oportunidade de darse a coñecer ante investidores, mentores e outros referentes sectoriais no Foro de investimento final que -tras as xornadas provinciais- terá lugar en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

A cita de hoxe -que, ao igual que a inaugural en Ourense, garantirá o contacto e intercambio de experiencias entre os participantes- centrarase xa pola tarde en estratexias de financiamento para as empresas. Unha xornada vespertina que clausurará o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024