A Xunta apoia en Vigo a campaña ‘Mercado de Teis ao teu lado’ no marco das axudas para impulsar unha rede de mercados excelentes en Galicia

O director xeral de Comercio e Consumo e a delegada territorial da Xunta en Vigo asistiron esta mañá á presentación da iniciativa que busca poñer en valor o mercado de Teis, incluíndo regalos promocionais por mercar nestas instalacións   

A campaña está cofinanciada polo Goberno galego no marco da convocatoria de 2024 dotada con case 1,3 M€ para promover tanto accións dirixidas á mellora dos Mercados Excelentes como actuacións encamiñadas a que outros poidan acadar o selo

Vigo, 24 de xullo de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou esta mañá na presentación da campaña Mercado de Teis ao teu lado, apoiada pola Xunta no marco das axudas de impulso aos Mercados Excelentes, que están dotadas este ano cun orzamento de 1.280.000 euros. No acto, o representante autonómico lembrou que a convocatoria busca potenciar as prazas de abastos e mercados e transformalos en Mercados Excelentes, no marco da aposta do Goberno galego pola revitalización destes espazos comerciais como vertebradores do territorio e xeradores de riqueza e emprego. 

Neste caso concreto, Gabriel Alén celebrou o empeño da Asociación de Comerciantes do Mercado de Teis por incrementar o coñecemento das vantaxes de mercar neste espazo entre as 6.000 persoas que residen neste barrio vigués. Así, ademais de instalar un mostrador informativo no exterior do mercado e de difundir distinto material promocional, a iniciativa contempla que a clientela poida levar regalos presentando os tiques de compra nas instalacións.

O director xeral puxo en valor esta campaña e todas as demais organizadas co propósito de fomentar a mellora dos mercados e prazas de abastos aproveitando a súa situación estratéxica nas cidades e vilas, de atender as necesidades de comerciantes e clientes e de potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego agroalimentario de calidade, ademais da súa capacidade de dinamización comercial e turística. 

Engadiu que o mercado de Teis se atopa no eixe comercial do centro comercial aberto de Teis, tamén apoiado pola Xunta no marco das axudas a este tipo de entidades que se convocaron este ano cun orzamento de 2,25 millóns de euros. 

Convocatoria de Mercados Excelentes

Sobre a convocatoria da Xunta por preto de 1,3 millóns de euros, no marco das axudas a concellos, hai achegas tanto para os que xa conten co selo de Mercado Excelente, como para os que o queiran implantar. En concreto, para potenciar a Rede de Mercados Excelentes de Galicia, os municipios que xa conten con esa figura poden recibir axudas para accións enfocadas ao mantemento e mellora deste estándar de calidade, ademais de, como novidade, desenvolver campañas de dinamización comercial cun investimento máximo de 10.000 euros e para o deseño da imaxe corporativa do mercado.

Mentres, as prazas de abastos que non sexan aínda Mercado Excelente poden sufragar accións de mentoring e de formación dos praceiros e praceiras, de consultoría especializada, de diagnose da situación e usos do mercado ou a elaboración da documentación necesaria para levar a cabo as actuacións destinadas a acadar o selo, entre outras actuacións.

Nesta mesma dirección, nas axudas a municipios hai dúas liñas máis de achegas, destinadas a adquisición de equipamento e eficiencia enerxética. Canto ás asociacións de prazas de abastos e mercados, poden financiárselles actuacións de dinamización e revitalización no marco de proxectos de incentivación da demanda e do consumo ou mantemento dos marketplace, na mesma liña que no relativo ás federacións.   

Cómpre engadir que o indicativo de Mercado Excelente pode ser solicitado por concellos, asociacións ou federacións de prazas de abastos e mercados, e outórgase en base ao cumprimento duns estándares definidos pola Xunta en coordinación co sector, para atender ás novas realidades e potencialidades destes espazos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2024